Casa Grande de Xanceda elabora 'Kombuxa' 100% galega

Na Casa Grande de Xanceda levan máis de 50 anos emprendendo e innovando, desde o rural, en ecolóxico e cun claro compromiso co país e o medio ambiente. Coa saída ao mercado da súa kombucha 100% galega amosan, unha vez máis, que non hai mercado que se resista á produción ecolóxica de calidade na Galiza.
A kombucha é unha bebida saudábel, feita con té verde, azucre de cana e o fungo 'scoby'.
photo_camera A kombucha é unha bebida saudábel, feita con té verde, azucre de cana e o fungo 'scoby'.

Non hai produto no mercado que se resista á Casa Grande de Xanceda. Tampouco a famosa kombucha, que xa ten no mercado a súa versión galega, a 'Kombuxa', elaborada nesta empresa de Mesía (comarca de Ordes). A kombucha é un fermentado con base de té verde, ao que na Casa Grande engaden froita "para saborizalo". "Iso fermenta en tanques cun fungo chamado scoby, e eríxese coma unha alternativa saudábel aos refrescos e aos zumes con azucre", explica Sara Torreiro, responsábel de márketing e comunicación da compañía. A 'Kombuxa' elabórase con té verde, azucre de cana e o fungo, unha combinación de bacterias e lévedos. No proceso de fermentación o scoby transforma o té nunha bebida refrescante que aporta vitaminas, enzimas, minerais e ácidos orgánicos.

A kombucha é unha bebida saudábel, feita con té verde, azucre de cana e o fungo 'scoby'

Na Casa Grande de Xanceda teñen todo estudado. "Detectamos esta tendencia da kombucha no mercado", explican a Nós Diario. As cifras son abraiantes, prevese que en 2028 o mercado mundial da kombucha acade os 4.300 millóns de dólares. As vendas deste produto medraron 580% entre 2021 e 2023. "Todos iso fíxonos darnos conta de que había aí un oco, e tamén que a tendencia no consumo de bebidas fermentadas gañou moito impulso, son datos que se ven nos estudos de mercado", di Torreiro.

Na Casa Grande de Xanceda levan anos sendo "especialistas en fermentados" polos iogures que teñen convertido esta empresa galega en marca líder en vendas de iogur ecolóxico en todo o Estado. O espírito emprendedor da Casa Grande de Xanceda fixo que decidisen meterse "neste mundo da kombucha". Trátase dun produto ecolóxico e saudábel, algo que concorda á perfección coa liña de produtos que elabora e comercializa a Casa Grande de Xanceda desde hai máis de 50 anos. Sara Torreiro salienta a aposta por que a súa kombucha fose "100% galega". O resultado é a 'Kombuxa', producida por Xanceda nunha kombucharía socia na Galiza. "Esa é a nosa aposta, subliñar que é 100% galega e que coa compra deste tipo de produtos se aposta por un rural galego innovador, dinámico e vivo", afirma.

O selo 100% galego deste novo produto da Casa Grande de Xanceda é un claro exemplo dos valores ligados á marca desta empresa de Mesía. "É unha kombucha 100% galega e ten valores moi ligados á nosa marca: está feita na Galiza, é apta para todos os públicos porque non ten glute nin lactosa e é ecolóxica e moi artesanal", apunta Sara Torreiro. 

Na Casa Grande de Xanceda miman este novo produto lanzado ao mercado "cunha fermentación moi longa e sen présa, o que fai que teña unha burbulla moi fina e moi agradábel ao padal". Pero ademais de todas as propiedades desta bebida, no caso de Xanceda destacan que a 'Kombuxa' "ten o valor do compromiso co rural, un rural vangardista e moderno". A responsábel de márketing da compañía di que nesta nova liña de produción tentan "fuxir dos purismos que ás veces hai nalgúns produtos" e buscan unha kombucha "que poida gustar a calquera".

Xanceda ofrece dúas opcións de 'kombuxa': berries e cítricos

No mercado xa hai dúas referencias en sabores da 'Kombuxa', unha de cítricos e outra de berries —froitos vermellos—, ambas as dúas con marcada idiosincrasia galega, inciden desde a Casa Grande de Xanceda. Os nomes destas novas bebidas son o mellor exemplo: a de berries chámase 'Maxical Berries, conxuro de froitos vermellos e hibisco', e a de limón é 'Xan Lemmon, unha banda de cítricos moi refrescante'.

Para probar esta kombucha 100% galega só hai que ir mercala. "Está xa en grandes superficies como Eroski, Alcampo, Carrefour e El Corte Inglés, e tamén en tendas detallistas, na nosa tenda online e na tenda física que temos na granxa", explica Sara Torreiro, que engade que a última cadea en ofertar a kombucha será Froiz. A aceptación está sendo boa e desde Xanceda aseguran que detectaron "polo momento que este ano o consumidor xa ten coñecemento do que é o produto". "Estamos contentos, e onde estamos a ter moi bo feedback da 'Kombuxa' é nos comedores de Inditex", acrecenta. O obxectivo da empresa neste ano de lanzamento é alcanzar unha produción que lle permita "manter a referencia".

A filosofía de Xanceda

Da Casa Grande de Xanceda saen ao mercado produtos referencia e líderes a nivel estatal como os seus iogures ou o kéfir. Todo mantendo intacta a súa filosofía orixinal. "Hai unha maneira mellor e máis responsábel de producir no rural, ese é o noso lema de vida. Temos tres compromisos: co rural, cos animais e coa natureza, e sempre tentamos que todo o que facemos estea acorde a eses parámetros", explica a este xornal Sara Torreiro.

A máxima coa que traballa Xanceda é apostar pola calidade e a innovación, e non só a 'Kombuxa' é exemplo deste traballo, senón tamén produtos como o kéfir de café, unha bebida ecolóxica fermentada, orixinaria do Cáucaso, cuxo nome xa o di todo, xa que en turco significa "sentirse ben".

Compromiso co emprego rural e en feminino

A Casa Grande de Xanceda é un proxecto sostíbel a nivel económico pero tamén no ecolóxico, social e ambiental, algo que consideran "moi importante". Xanceda ten "un compromiso de pervivencia no tempo e de seguir empregando persoas do rural". E polo de agora as cifras avalan este compromiso, pois segundo explica Sara Torreiro "70% do cadro de persoal de Xanceda é do rural". Trátase de xerar emprego e valor engadido no rural cunha produción ecolóxica e de calidade.

Tamén destaca que "62% somos mulleres, e moitas de nós en postos de responsabilidade", e que dispoñen dun Plan de igualdade. A Casa Grande de Xanceda ten xa 49 empregados e empregadas. "Sempre celebramos o 8-M e o Día da Muller Rural", salienta, e asegura que non o fan "con afán de purplewashing", senón porque teñen "un compromiso real coa igualdade".

Comentarios