CCOO e UGT insisten no pacto social malia que Rajoy rexeitou a súa proposta de acordo polo emprego

Procurarán agora chegar a acordos específicos con Goberno e patronal sobre as pensións, a reforma das formación, as prestacións sociais ou o emprego xuvenil. A CIG reitérase na súa oposición ao pacto social e exixe a dimisión do executivo e a convocatoria de eleccións.Vídeo no interior.

Reunión na Moncloa, Goberno, sindicatos e patronal
photo_camera Os sindicatos estatais deixan a porta aberta a pactos específicos

CCOO e UGT quedaron soas na súa proposta dun grande pacto estatal polo emprego. Na cimeira celebrada a pasada quinta no Pazo da Moncloa co Presidente do goberno español, Mariano Rajoy, a Ministra de emprego, Fátima Báñez e os máximos responsábeis da patronal española organizada na CEOE e na Cepyme, os sindicatos estatais non recibiron apoio a súa proposta, alentada e aplaudida desde varias semanas antes polo PSOE. Rajoy díxolles que non o considera necesario nin posíbel. Os representantes da patronal nin tan sequera se posicionaron ao respecto. Joan Rosell, presidente da CEOE limitouse a advertir, á saída da xuntanza, que "haberá temas que o Goberno terá que decidir só ou acompañado" desbotando, xa que logo, esa proposta. O único acordo que resultou do encontro foi o de reclamar da UE políticas de estímulo e unha flexibilización das directrices de austeridade, así como a creación de “grupos de traballo” para a reforma da formación e o emprego xuvenil.

A vontade de pacto social das organizacións sindicais maioritarias a nivel estatal mantense plena

Desbotado ese grande acordo, co que CCOO e UGT pretendían recuncar na fórmula do Acordo Social Económico asinado en 2011 baixo auspicio do daquela Presidente español José Luís Rodríguez Zapatero -e rexeitado no noso país por unha folga xeral-, ambas as dúas centrais apostan agora por pactos puntais referidos ás pensións, o emprego e as prestacións sociais. A través do diálogo social focado agora cara a pactos sobre materias concretas (pensións, prestacións sociais, formación ou emprego xuvenil), CCOO e UGT pretenden dar traslado das propostas que presentaron sen éxito na reunión con Rajoy.

A vontade de pacto social das organizacións sindicais maioritarias a nivel estatal mantense plena. Así se deduce das declaracións de Cándido Méndez, líder da UGT, nas que aseguraba que “imos seguir defendendo a  necesidade dun consenso político e social polo emprego e a recuperación económica”. Pola súa banda o secretario xeral de CCOO, Ignacio Fernández Toxo, aseguraba que “fixemos o esforzo, un esforzo sincero de desprendemento de posicións maximalistas para atender ao necesario pasando polo posíbel”. 

Ambas as dúas declaracións amosan o exacerbado ánimo de consenso que resultou nun insólito comunicado conxunto -de Goberno, sindicatos e patronal- no que se acredita o tono conciliador e amábel que caracterizou a xuntanza do pasado día 16 -nas antípodas do que CCOO e UGT sostiveron publicamente días antes na folga no ensino contra a LOMCE-, presentando como acordos meras coincidencias nas análises ou a disposición para abordar en maior profundidade algúns temas. Nel non se fai mención á advertencia de Mariano Rajoy de que o “Goberno ten que asumir as súas responsabilidades e ten que tomar decisións aínda que estas sexan duras e difíciles” en alusión a novos paquetes de recortes.

A CIG oponse ao pacto social e pide a dimisión do goberno

Fronte a insistencia pactista dos sindicatos españois a CIG reiterábase na súa oposición á sinatura de novos pactos sociais. A central nacionalista desenvolvía o propio día 16 de maneira simultánea ao encontro na Moncloa, asembleas e concentracións de delegadas e delegados nas principais cidades de Galiza, precisamente para explicar o seu rexeitamento ao grande pacto polo emprego proposto por CCOO e UGT. 

 "Os pactos sociais só favoreceron que as empresas incrementaran os seus beneficios a custo das traballadoras e traballadores" di Xesús Seixo

A ese respecto o secretario xeral da CIG, denunciaba que os acordos do denominado diálogo social  “sempre provocaron unha importante perda de dereitos para a clase traballadora pola vía de introducir máis flexibilización laboral, empeorar as condicións salariais, promover incentivos para as empresas ou favorecer a contratación temporal”. En palabras de Xesús Seixo os pactos subscritos até hoxe "só favoreceron que as empresas incrementaran os seus beneficios a custo das traballadoras e traballadores renunciar ás súas condicións laborais” e “non serven para crear emprego”,  poñendo como exemplo a reforma das pensións pactada por CCOO e UGT e que supuxo o atraso da idade de xubilación.

Para a CIG a defensa dos dereitos da clase traballadora e a resolución do grave problema do desemprego non pasa por este tipo de pactos que cualificou de “fume” e de “engano á poboación”. En troques, o sindicato nacionalista pula por alargar a mobilización e o conflito tanto a nivel social como nos centros de traballo. Hai que mobilizarse para exixir outro tipo de políticas, porque é imposíbel pactar medidas favorábeis á maioría social cando é evidente que non hai vontade algunha por parte do goberno, nin da patronal”.

O contraste entre as posicións do sindicalismo nacionalista e as centrais españolas quedou tamén patente a respecto de como enfrontan o seu relacionamento co goberno español de Mariano Rajoy. Se desde CCOO e UGT se salientaba as “amábeis palabras” empregadas polo Presidente e facían votos pola celebración de novos encontros, a CIG reclamaba tallante a dimisión do executivo e a convocatoria de novas eleccións “para que se mude a correlación de forzas e se poñan en marcha políticas favorábeis, de verdade, á maioría social”

Comentarios