Vivenda

O Congreso acorda, por unanimidade, suspender os desafiuzamentos hipotecarios de familias vulnerábeis até 2028

A norma tramitarase como proxecto de lei, abrindo a porta para introducir cambios.
Plano xeral do Congreso dos Deputados. (Foto: Europa Press)
photo_camera Plano xeral do Congreso dos Deputados. (Foto: Europa Press)

O Pleno do Congreso validou esta quinta feira por unanimidade o decreto lei para prorrogar catro anos máis, até 2028, a suspensión de desafiuzamentos da vivenda habitual, e acordou que a norma se tramitará como proxecto de lei, abrindo a porta para introducir cambios. A medida procede do chamado 'escudo social' da pandemia e foise ampliando periodicamente cos decretos 'anticrise'. Esta última prórroga, que se estenderá até o 15 de maio de 2028 e que afecta os supostos de "especial vulnerabilidade", foi aprobada polo Consello de Ministros un día antes de que caducase, para a súa entrada en vigor con urxencia.

A ministra de Vivenda e Axenda Urbana, Isabel Rodríguez, foi a encargada de defender o texto desde a tribuna do Congreso. Na súa intervención, explicou que a medida que aproba o decreto é necesaria nun "escenario de incerteza" sobre uns tipos de xuro que poden encarecer o prezo da hipoteca. "O futuro segue sendo incerto, como recoñece o propio Banco Central Europeo cando sinala que non pode comprometerse de antemán a ningunha senda concreta de tipos", indicou Rodríguez.

Neste senso, a titular de Vivenda ve necesario prorrogar a suspensión dos desafiuzamentos para evitar posíbeis situacións de exclusión social de persoas que podían verse abocadas a perder a súa vivenda se non poden afrontar a suba da hipoteca. "Confío en que este real decreto lei sexa validado no pleno no día de hoxe co voto das súas señorías", resolveu a ministra.

Durante o debate do decreto, Sumar, Vox e varios socios de investidura avanzaron o voto favorábel á medida, pero advertiron que se trata dun "parche" temporal. Por parte de Podemos, Ione Belarra tamén avanzou que apoiará a medida, pero incidiu en que se trata dunha "tirita" no gran problema da vivenda que hai no Estado español, polo que instou a expropiar o uso da metade das vivendas en mans de grandes fondos de investimento e bancos, que segundo os seus cálculos achegarían até 92.000 vivendas.

Na quenda do BNG, o deputado Néstor Rego trasladou o apoio á medida, aínda que non entende que sexa temporal e non definitiva, pois se deixa a decisión dunha futura prórroga en mans "do goberno de quenda".

O deputado de Compromís e portavoz de Vivenda de Sumar no Congreso, Alberto Ibáñez, advertiu á ministra que fan falta máis medidas para garantir o dereito á vivenda, entre as que destacou subir 3% o IPREM para adaptarse ao encarecemento da vivenda e que exista a obrigación de escribir no rexistro da propiedade que hai unha moratoria nesa vivenda, para que cando un banco ou "un fondo voitre" queira comprar a casa, saiba que dentro hai unha familia protexida polo Estado.

Do seu lado, o portavoz adxunto de EH Bildu, Oskar Matute, tamén garantiu o apoio á medida, pero advertiu que o seu alcance é limitado porque a suspensión só afecta en supostos de "especial vulnerabilidade", mentres que en Euskadi máis de 87% dos desafiuzamentos débense á falta de pagamentos de alugueiros de persoas que non necesariamente teñen que estar nesa situación.

A portavoz económica do PNV, Idoia Sagastizabal, tamén dixo que apoiará a iniciativa, pero reconviu ao Executivo polo uso do decreto lei, cando a medida estaba incluída nunha emenda ao decreto 'anticrise' e podería tramitarse por esa vía.

Do lado do PSOE, Arnau Ramírez aproveitou a súa intervención para reprochar ao PP que non está a aplicar a Lei de Vivenda nas comunidades autónomas nas que goberna, lembrando que na última Comisión de Vivenda da Cámara Baixa o grupo popular "botou toda a sesión criticando a alza de prezos, mentres as súas comunidades néganse a aplicar as zonas tensionadas que prevé a lei, que precisamente serven para baixar eses prezos".

En resposta, o portavoz de Vivenda do PP na Cámara Baixa, Joan Mesquida, cargou contra a Lei de Vivenda, que considera que foi "un pagamento" do PSOE para Podemos, ERC e Bildu na lexislatura anterior e que provocou, ante a "ameaza de intervir os prezos", que unha de catro vivendas "desaparecesen do mercado de aluguer".

En contraste, o deputado popular defendeu impulsar unha lei 'antiokupación' para evitar un fenómeno que "está a proliferar", de modo que se poidan desaloxar estas persoas nun prazo de 24 horas. Aliás, avogou polo aval de 20% ás hipotecas para menores de 35 anos na compra da súa primeira vivenda ou eliminar 50% dos impostos de transmisións para as familias numerosas, monoparentais ou con persoas con discapacidade ao seu cargo.

Comentarios