A crise afoga o sector do mar: 46 millóns de euros menos facturados en 12 meses

Un sector complexo, heteroxéneo e fulcral para Galiza e que está a capear unha crise na que coinciden diversas causas e factores. Mariñeiros, mariscadoras e bateeiros facturaron en 2013 por volta de 46.700.000 euros menos que no exercicio anterior. Unha queda de 128.000 euros diarios.

pesca mariñeiros

Segundo os propios dados oficiais da Xunta de Galiza, o mar é a principal empresa de Galiza. Xeraba en 2011 un total de 17.499 empregos directos, quer na pesca extractiva (12.522, mariñeiros e mariscadoras) quer na acuicultura do mexillón (4.947 bateeir@s). Empregos directos, aos que sumar indirectos e inducidos. Laboral e economicamente, un alicerce fundamental para Galiza, e non só a costeira.

O mar en Galiza son 18.000 postos de traballo directos

Mais o sector do mar tamén nota a crise. Unha palabra na que se engloban diferentes e heteroxéneas causas, posto que baixo o paraugas de ‘sector do mar’ viven sub-sectores diferentes: do mariñeiro de baixura que anda ao chinchorro ou ao xeito ao de gran altura que traballa co palangre de fondo. Da mariscadora ao bateeiro. Mais todos eles están a pasar momentos delicados.

Segundo os cálculos extraídos dos propios datos da Consellería do Mar, a facturación en primeira venda veuse abaixo en Galiza en 2013. Case 47 millóns de euros menos que no exercicio anterior. Desa cifra, uns 27 millóns de ‘perdas’ proceden das quedas en pesca extractiva e 19,5 millóns no mexillón, produto no que Galiza loita por se manter como referente mundial contra marés vermellas, competencia ilegal e desleixo da administración.

A queda na facturación afectou a todos os grupos: mariñeiro de baixura, bateeiro, mariscadora...

En todos os grupos

A caída na facturación afecta a todos os grupos ou categorías de especies. Galiza facturou menos neses 12 meses en peixes, mais tamén en bivalvos (ameixa, ostra, navalla, vieira, zamburiña ou berberecho), en cefalópodos (polbo, choco, lura, xibia..), en crustáceos (percebe, centola, nécora, camarón...)

A que se debe? Pois á queda de capturas e á queda de prezos, principalmente. No caso dos e das bateeiras, ás marés vermellas e ás flutuacións en mercados tradicionais. Foi 2013 un ano duro para o sector. Neste 2014 comeza un lento recuperar nalgúns sectores, mais non así noutros.

Comentarios