Estes son os motivos polos que Competencia abriu un expediente contra o Grupo Endesa

O organismo presidido por Cani Fernández indicou que está a investigar a E-distribución Redes Dixitais, Endesa Operacións e Servizos Comerciais, e ás súas respectivas matrices -Endesa e Endesa Enerxía-.
Operaria de Endesa (Foto: Endesa).
photo_camera Operaria de Endesa (Foto: Endesa).

A Comisión Nacional dos Mercados e a Competencia (CNMC) iniciou un expediente sancionador contra varias empresas do Grupo Endesa por posíbeis prácticas anticompetitivas, entre elas, poder dar un trato "discriminatorio e preferente" á resolución de solicitudes, reclamacións e incidencias das súas propias filiais, en detrimento de terceiras empresas competidoras.

Nun comunicado, o organismo presidido por Cani Fernández indicou que está a investigar a E-distribución Redes Dixitais, Endesa Operacións e Servizos Comerciais, e ás súas respectivas matrices -Endesa e Endesa Enerxía-, por un posíbel abuso de posición de dominio no mercado da distribución eléctrica.

As prácticas, segundo a CNMC, afectarían a todos os territorios onde o Grupo Endesa opera como distribuidora: a Galiza, Andalucía, Aragón, parte de Castela e León, Catalunya, Illes Balears, Illas Canarias, a cidade autónoma de Ceuta e parte de Estremadura.

Entre outros, analízanse os trámites relacionados coa comercialización de enerxía eléctrica, a instalación de equipos e prestación de servizos de medida eléctrica, a prestación de servizos enerxéticos, así como a instalación e operación do autoconsumo, vinculado ao mercado de xeración distribuída.

Denuncias contra E-distribución

A CNMC recibiu varias denuncias contra E-distribución por prácticas contrarias á Lei de Defensa da Competencia (LDC), e iniciou unha información reservada, e en xuño de 2023, persoal da CNMC inspeccionou dúas sedes de varias sociedades do Grupo Endesa.

A CNMC sinalou que a incoación deste expediente por posíbeis condutas contrarias ao artigo 2 da Lei 15/2007, do 3 de xullo, de Defensa da Competencia (LDC) e ao artigo 102 do Tratado de Funcionamento da Unión Europea (TFUE) non prexulga o resultado final da investigación, á vez que se abriu un período máximo de 24 meses para a súa instrución e resolución.

Pola súa parte, fontes de Endesa indicaron que e- distribución actuou en todo momento "cumprindo a lexislación e respectando escrupulosamente o principio de neutralidade que rexe o funcionamento das distribuidoras de electricidade no seu trato coas distintas comercializadoras existentes no mercado, que garante que non se produce ningún trato de favor a ningún axente".

Ademais, a eléctrica lembrou que a apertura do expediente non prexulga o resultado final da investigación, na que a compañía destacou que colaborou achegando toda a información requirida e que seguirá colaborando en todo o que solicite.

Comentarios