Fracasa o intento de exixir a 'apps' como Airbnb ou Uber recadar o IVE

As reticencias do ministro de finanzas de Estonia impediu o acordo.
O comisario europeo de Economía, Paolo Gentiloni (Foto:  Alberto Ortega / Europa Press).
photo_camera O comisario europeo de Economía, Paolo Gentiloni. (Foto: Alberto Ortega / Europa Press).

As ministras e ministros de Economía e Finanzas da Unión Europeo (UE) fracasaron esta segunda feira no primeiro intento de exixir que os operadores de plataformas nos sectores do transporte de pasaxeiros e de aloxamentos turísticos de curta duración, como é o caso de Airbnb e Uber, entre outras, sexan responsábeis de recadar e remitir o Imposto sobre o Valor Engadido (IVE) ás autoridades fiscais cando os provedores de servizos non o fagan e, desta maneira, evitar unha vantaxe inxusta respecto a taxis e hoteis.

A proposta presentouse en  decembro de 2022 e o acordo non se levou a cabo agora polas reticencias do ministro de Finanzas estoniano, Mart Vorklaev, sobre un expediente que require unanimidade de todos os Estados membros.

"O texto actual non resolve as nosas principais preocupacións", aseverou Vorklaev, quen cre que o peso das novas normas non recaerá sobre as plataformas, senón sobre as pequenas e medianas empresas (PEME) que prestan os seus servizos a través delas.

Flexibilidade

Fronte aos argumentos de Estonia, o comisario europeo de Economía, Paolo Gentiloni, defendeu que a proposta non aumenta o nivel impositivo sobre as PEME e incidiu en que esta recolle certa flexibilidade para que os Estados membro adapten a súa aplicación segundo as súas circunstancias.

"Creo que na proposta da presidencia belga xa se contempla a flexibilidade necesaria, mais, por suposto, estamos dispostos a seguir cooperando e dialogando, xa que necesitamos un acordo sobre esta cuestión", agregou o comisario europeo, quen advertiu tamén de que hai certo risco de caer nunha contradición asegurando que, neste tema, "pedimos avanzar e logo non somos capaces de alcanzar compromisos".

Comentarios