Ampliados os prazos para outorgar liñas de avais 'anticrise' ao sector primario até finais de ano

O BOE recolle esta sexta feira a ampliación do prazo de solicitude e concesión de avais.
Sede do ICO en Madrid. (Foto: Eduardo Parra / Europa Press)
photo_camera Sede do ICO en Madrid. (Foto: Eduardo Parra / Europa Press)

O Boletín Oficial do Estado (BOE) recolle esta sexta feira a ampliación do prazo de solicitude e concesión de avais, co fin de manter o apoio ao tecido produtivo afectado polo impacto económico da guerra de Ucraína, especialmente nos sectores de pesca, acuicultura e agricultura. Ante as tensións xeradas pola invasión rusa, o 23 de marzo de 2022 a Comisión Europea aprobou un novo marco temporal relativo ás medidas de axuda estatal destinadas a apoiar a economía.

Coa prolongación do conflito e dos seus impactos, o Marco Temporal Europeo foi modificado en diversas ocasións, entre outras cuestións para elevar os limiares de axudas orixinalmente fixados e para ampliar o prazo de outorgamento das mesmas até o 31 de decembro de 2024.

E o Goberno español decidiu solicitar o Instituto de Crédito Oficial (ICO) a ampliación dos prazos de solicitude e concesión dos avais outorgados a empresas e autónomos dos sectores de pesca, acuicultura e agricultura para facelos coincidir cos prazos de concesión de axudas estabelecidos no Marco Temporal de Crise e de Transición.

Os avais do ICO suxeitos ao Marco Temporal da UE podían solicitarse polas diferentes entidades ao ICO até o 1 de xuño de 2024, agás no caso de empresas activas nos sectores de pesca, acuicultura e agricultura, para os que poderán solicitarse polas entidades ao ICO até o 1 de decembro de 2024.

Ademais, o Executivo facultou ao ICO para que, no ámbito das súas competencias, resolva cantas incidencias prácticas puidesen producirse para a execución dos avais contemplados neste acordo durante toda a vixencia das operacións.

Naquelas cuestións que poidan ter implicacións orzamentarias ou para o seu equilibrio financeiro, o Instituto de Crédito Oficial poderá facer as propostas correspondentes á Comisión Delegada do Goberno para Asuntos Económicos para a súa consideración, suxeito a dispoñibilidade orzamentaria.

Por último, o BOE tamén recolle o acordo que estende o prazo polo que o Ministerio de Economía, Comercio e Empresa poderá conceder avais a cargo da liña de avais para a cobertura por conta do Estado do financiamento outorgado pola Compañía Española de Reafianzamento (CERSA) a empresas e autónomos nos sectores de pesca, acuicultura e agricultura até o 31 de decembro de 2024.

Comentarios