A indemnización por despedimento tributará a partir dos 2.000 euros por ano traballado

O ministro Montoro fala de ‘’proposta inicial’’ malia que a medida vai afectar desde xa a aquelas persoas despedidas a partir do 20 de xuño.

As indemnizacións por despedimento tamén van tributar. É dicer, que o perceptor das mesmas vai ter que pagar ao fisco por elas. Vai ser así a partir da entrada en vigor da reforma fiscal do goberno español. Afectará a todos aqueles e aquelas que reciban unha indemnización a partir de 2.000 euros por ano traballado. A decisión do executivo central vai afectar os despedimentos que se realicen a partir do 20 de xuño (a pasada sexta feira, data na que o Consello de Ministros estudou o informe sobre o anteproxecto de reforma fiscal).

Montoro di que esta é unha achega "inicial" e que tenciona escoitar "os axentes sociais"

Até o de agora as indemnizacións por despedimento só tributaban se eran superiores ao máximo fixado por lei: 33 días por ano traballado após a reforma laboral e 45 días por ano antes. O ministro Montoro apresourouse a dicir que esta proposta era unha achega “inicial” e que vai escoitar os “axentes sociais”.

A medida fai parte do paquete de accións contempladas na reforma fiscal do goberno español. Proponse unha rebaixa do IRPF en dous tramos, 2015 e 2016. Segundo economistas e expertos, aquelas persoas que teñan bases imponíbeis superiores aos 175.000 euros van ser os máis beneficiarios con esta reforma. Non os únicos.

A isto engádese que vai haber unha rebaixa no imposto para grandes empresas, e que en campos como o patrimonio non se entra. Un ‘esquecemento’ que tamén se dá na loita contra a fraude.

Comentarios