Unha louseira busca explotar unha mina en Quiroga 30 anos máis cunha zona da concesión dentro da Rede Natura

A compañía titular da explotación, Pizarras de Villarbacú, asegura que terá "en conta" este aspecto "á hora de determinar as medidas de protección que garantan a preservación dos seus valores naturais".
Lousa apilada no chan. (Foto: Nós Diario)
photo_camera Lousa apilada no chan. (Foto: Nós Diario)

O Diario Oficial da Galiza (DOG) informa esta cuarta feira da apertura dun período dun mes para presentar alegacións ao proxecto de explotación e plan de restauración da empresa Pizarras de Villarbacú para continuar traballando, durante 30 anos máis, nunha mina situada entre os municipios Quiroga e Folgoso do Courel (comarca de Quiroga).

O proxecto detalla que o terreo para os labores mineiros fica "fóra das áreas Rede Natura 2000", se ben admite que "si existe unha superficie ao norte" da concesión nun espazo protexido como zona de especial conservación (ZEC) denominado Ancares-O Courel, incluído na Rede Natura. Ademais, toda a concesión mineira, denominada A Ilusión, atópase incluída dentro da superficie do xeoparque das Montañas do Courel.

A compañía titular da explotación asegura que terá "en conta" este aspecto "á hora de determinar as medidas de protección que garantan a preservación dos seus valores naturais".

Esta mina ao descuberto leva en activo desde hai décadas en Pacios da Serra (Quiroga) e, agora, Pizarras de Villarbacú —con domicilio social no Barco (Valdeorras)— solicita unha prórroga da concesión sobre os terreos xa ocupados, "sen que sexa necesaria a ocupación de novos predios da contorna".

No documento calcúlase un orzamento de explotación de 15,6 millóns durante 30 anos, ao que hai que sumar uns 200.000 euros para o plan de restauración. Estima a produción dunhas 77.000 toneladas de lousa durante 30 anos.

No tocante á restauración, realizarase a partir do quinto ano de maneira anual. Calcúlase que a terra vexetal retirada e amoreada durante toda a explotación ascenderá a un total de 62.000 metros cúbicos.

Comentarios