Miles marchan en Viveiro nunha gran manifestación na defensa de Alcoa

Milleiros de persoas asistiron á mobilización convocada en Viveiro na defensa da continuidade de Alcoa e o mantemento dos seus 2.000 postos de traballo.
Foto:@pototitoss

Milleiros de persoas, procedentes de todos os puntos da Mariña e mesmo máis alá, déronse cita en Viveiro en resposta á chamada do comité de empresa de Alcoa para sair á rúa a defender  a continuidade esta empresa na comarca e os seus dous mil postos de traballo. Unha maré de xente que percorreu a fermosa cidade ao pé do Landro para reclamar, máis unha vez, a permanenza de Alcoa e dos seus empregos. O presidente do Comité de Empresa, José Luis Combarro, xa aventuraba unha participación masiva horas antes porque "hai dúas mil familias que viven directamente disto, alén do peso da empresa na economía da comarca e da provincia".

@s manifestantes piden que se garanta un contrato eléctrico competitivo para Alcoa, como acontece con outros territorios do Estado

A manifestación contou co apoio de partidos políticos, entre eles o BNG (Guillerme Vázquez estivo na mobilización), sindicatos, organizacións e entidades veciñais, culturais, deportivas e sociais da comarca, así como de non poucos concellos da Mariña. A afluencia de cidadáns foi máis que notábel, mesmo chegando a colapsar por momentos algún punto dos accesos por estrada a Viveiro e provocando retencións de tráfico. Até Viveiro chegaron tamén traballadores de Alcoa en Avilés, Asturies, para solidarizarse cos e coas súas compañeiras da Galiza.

Compromiso

A manifestación saiu pasadas as oito das cercanías do ambulatorio, para percorrer diferentes rúas da cidade. O seu paso pola ponte da Misericordia deu imaxe da multitude que participaba, para finalizar na Praza Pastor Díaz. 

Alcoa representa por si propia o 35% do PIB da provincia de Lugo

A demanda dos asistentes era clara: "Polo futuro da Mariña", lema reflexado en non poucas faixas. Un futuro que ligan á continuidade de Alcoa. A empresa xera máis de 2.000 postos de traballo directos e representa por si propia o 35% da provincia de Lugo. Todo elo está hoxe en risco polas modificacións no réxime da tarifa eléctrica que se aprobaron no Estado español, e a finais de ano vence o actual contrato co suministrador eléctrico. De aí a demanda de que este tipo de industrias teñan unha tarifa preferente que non lles presente máis custos (só en electricidade vanse o 40% dos custos de Alcoa) e permitan a competitividade.

Neste sentido, territorios como as Illas Canarias desfrutan dunha serie de políticas de discriminación positiva na tarifa eléctrica. Medida que tamén podería aplicarse a empresas radicadas na Galiza, como Alcoa.

"Alcoa precisa un contrato enerxético axeitado e competitivo, para dar continuidade á fábrica", manifestou o voceiro do comité de empresa. Unha reivindicación apoiada en Viveiro por milleiros de persoas.

 Preocupación

As factorías de Alcoa en Coruña e Avilés sufriron xa un recorte na produción do 50% e hai sendos EREs que afectan a preto do 50 por cento do cadro de persoal. Mentres, Alcoa está a facer un forte investimento noutros países, como Arabia Saudí, onde vai construir unha factoría co triple de capacidade produtiva que a de San Cibrao, na Mariña de Lugo.

 Fotos: Tiradas do twitter de @pototitoss e @VilarLeticia

Comentarios