As decenas de suspensións cautelares decretadas polo Tribunal Superior de Xustiza da Galiza contra proxectos eólicos autorizados polo Goberno galego empezan a ter consecuencias. A Consellaría de Economía e Industria vén de notificar a paralización do procedemento expropiatorio para a construción do parque denominado Meirama, no concello de Carral, Cerceda e Ordes (comarcas da Coruña e Ordes), que en abril foi freado polo alto tribunal galego mentres non se dite sentenza a respecto do seu potencial impacto sobre a contorna.
Quedan paralizadas, en consecuencia, as expropiacións que afectaban predios comprendidos nos lugares das Encrobas, Bordeiro, Monte Meán, Berdoedo, Mexón e Entre Camiños, e son perto dunha decena as persoas propietarias afectadas. O levantamento de actas estaba previsto inicialmente que comezase o pasado 17 de abril, mais a propia Consellaría aclara na súa resolución que a recente decisión xudicial obriga a deter a expropiación de terras para ese parque que fora declarado "de utilidade pública" pola Administración galega.
O xigante enerxético Naturgy é quen está detrás deste proxecto, que se erguería sobre os terreos da antiga central térmica, fechada en 2020 e derruída este ano. Estaría formado por dez aeroxeradores que sumarían unha potencia total instalada de 44,5 megawatts (MW).
E ao caso de Meirama poderían sumarse varias decenas máis nas próximas datas, pois até o momento o TSXG resolveu un total de 74 expedientes sobre solicitudes de suspensións cautelares que afectaban 43 parques eólicos, dos que 40 foron paralizados.