Invenergy, a compañía estadounidense que se suma á feroz carreira polo mar galego (e que ten detrás o 'fondo voitre' Blackstone)

A enerxética rexistra un novo proxecto de eólica mariña diante do Miteco, O Boi, de 552 MW de potencia.
Instalación de eólica mariña de Iberdrola en Escocia. (Foto: Europa Press).
photo_camera Instalación de eólica mariña en Escocia. (Foto: Europa Press).

O Ministerio para a Transición Ecolóxica recolle no seu portal de información pública unha nova solicitude para construír un parque eólico mariño no litoral da Galiza —máia concretamente no noroeste do país—. Trátase do proxecto denominado O Boi, do que aínda non se coñece demasiada información agás que tería unha potencia total de 552 MW e que o seu promotor é a compañía estadounidense Invenergy Renewables Holdings, a través da súa filial europea, que xa conta cun centro de operacións nas Pontes (Eume) e outro nas Somozas (Ferrolterra). Súmase, así, a unha feroz carreira polas renovábeis en augas galegas que aínda non comezou de forma oficial, pois está pendente de se realizar a poxa polo mar da Galiza.

Invenergy ten xa en funcionamento 11 parques eólicos terrestres en Polonia e dous en Escocia, aos que se suman outros tres no Xapón, un no Uruguai, outro en México e un cento nos Estados Unidos. A comezos de 2024 fíxose co maior contrato de eólica mariña outorgado polas autoridades estadounidenses, de 2,4 xigawatts (XW), no estado de Nova Jersey.

Tras a sombra de Invenergy atópase o fondo de investimentos Blackstone, propietario de milleiros de vivendas —entre outros activos— no Estado español, moitas delas na Galiza. A entidade, considerada un 'fondo voitre', completou o pasado ano un investimento de capital duns 1.000 millóns de dólares no xigante das renovábeis, unha cifra que se suma aos arredor de 3.000 millóns que xa inxectara entre os anos 2021 e 2022.

Outro dos seus propietarios é o fondo canadense Caisse de dépôt et placement du Québec (CDPQ), que a finais de 2023 selou un pacto con Kenergy —a través da filial Velto Renewables— para desenvolver no Estado español unha carteira de 1 xigawatt (XW) de enerxías renovábeis. Xa ten operativos proxectos de eólica mariña no Reino Unido.

Jim Murphy, presidente e responsábel do negocio corporativo de Invenergy, salientou após coñecer a inxección económica de Blackstone do pasado ano: "O capital adicional de Blackstone contribuirá a acelerar a execución da nosa carteira de proxectos actual e das nosas novas iniciativas empresariais. Valoramos enormemente a nosa relación a longo prazo con Blackstone e CDPQ e esperamos seguir liderando a transición cara á enerxía limpa co apoio destes socios de confianza".

Comentarios