A UE rectifica e as pequenas granxas estarán exentas de controis da PAC

A medida beneficiará as explotacións agrarias de menos de 10 hectáreas.
Granxa en Mosteiro, Palas de Rei, A Ulloa (Foto: Nós Diario)
photo_camera Granxa en Mosteiro, Palas de Rei, A Ulloa (Foto: Nós Diario)

As pequenas explotacións agrarias, de menos de 10 hectáreas, quedarán eximidas dos controis e sancións relacionadas co cumprimento dos requisitos ambientais. Foi a decisión que anunciaron esta segunda feira os vinte e sete Estados membros da Unión Europea (UE) despois da revisión da Política Agraria Común (PAC) para "aliviar" a carga administrativa do campo.

A iniciativa respondeu aos problemas atopados durante o primeiro ano de implantación da nova regulamentación sobre os plans estratéxicos e de financiamento, xestión e seguimento da PAC. 

Agora, a lei terá que ser asinada polos representantes do Consello e do Parlamento europeos antes de ser publicada no Diario Oficial e entrará en vigor ao día seguinte da súa publicación, a finais de maio.

A revisión da denominada "regulación horizontal" aplicarase até o remate do actual período da PAC, que terá lugar en 2027, e algunhas das súas disposicións aplicaranse con carácter retroactivo a partir do 1 de xaneiro de 2024.

Maior flexibilidade

A Comisión garante que a decisión non comprometerá o nivel global de ambición no que se refire aos obxectivos de protección do medio ambiente e do clima da política agrícola da UE. Esta mudanza súmase ao anuncio de relaxación de requisitos medioambientais anunciada en febreiro para aplacar as mobilizacións rurais de cara ás eleccións europeas de xuño 

Para recibir o apoio da PAC, as explotacións deben respectar un conxunto mellorado de nove estándares beneficiosos para o medio ambiente. Segundo o Executivo comunitario, eximir dos requisitos asociados a estas normas simplificaría o traballo das pequenas granxas, que representan 65% dos beneficiarios da PAC mantendo as ambicións ambientais, xa que estes "só cobren o 9,6% do zonas que reciben axudas dela".

Comentarios