As reaccións (políticas e bolsisas) á OPA hostil de BBVA sobre Sabadell

O Goberno español rexeita a operación "tanto polo fondo como pola forma", mentres a patronal defende a "liberdade" das empresas para presentar ofertas.
Sede do Banco Sabadell en Sant Cugat del Vallès, Barcelona. (Foto: David Zorrakino / Europa Press)
photo_camera Sede do Banco Sabadell en Sant Cugat del Vallès, Barcelona. (Foto: David Zorrakino / Europa Press)

Banco Sabadell disparábase un 5% na apertura bolsista desta quinta feira, até intercambiarse a un prezo de 1,88 euros por acción, tras coñecerse o anuncio da OPA hostil que BBVA lanzou sobre o 100% do capital de Sabadell. En cambio, BBVA cedía un 5,11%, caendo aos 9,76 euros por título.

O consello de administración de BBVA decidiu formular unha OPA hostil por Banco Sabadell despois de que esta entidade rexeitase na segunda feira unha proposta de carácter amigábel e practicamente idéntica á que hoxe se deu a coñecer. BBVA ofrece aos accionistas de Sabadell un troco dun título novo por cada 4,83 de Sabadell, a mesma oferta que propuxera a semana pasada ao consello de administración da entidade catalá, polo que se mantén a prima de 30% sobre o prezo de feche de ambas as entidades do pasado 29 de abril, de 42% sobre as cotizacións medias ponderadas do último mes e de 50% sobre as cotizacións medias ponderadas dos últimos tres meses.

Ademais, as persoas accionistas de Banco Sabadell terían un 16% de participación na entidade resultante. O prezo equivalente da contraprestación en efectivo é de 2,12 euros por acción da entidade de orixe catalá. O detalle que non se incluíu nesta proposta, en comparación coa oferta que BBVA lanzou ao consello, de maneira amigábel, a semana pasada, é a incorporación de tres conselleiros non executivos de Sabadell ao consello de BBVA, un deles co posto de vicepresidente.

O Goberno rexéitaa "en forma e fondo"

O Goberno español manifestou o seu rexeitamento á OPA hostil lanzada por BBVA "tanto na forma como no fondo", segundo indicaron á axencia Europa Press en fontes do Ministerio de Economía, Comercio e Empresa. As mesmas fontes advertiron de que esta operación introduce "efectos lesivos potenciais" no sistema financeiro español, pois suporía un incremento no nivel de concentración "que podería ter impacto negativo no emprego e na prestación de servizos financeiros".

"Un excesivo nivel de concentración introduciría un risco potencial adicional á estabilidade financeira, como indicou onte o gobernador do Banco de España", sinalan as fontes de Economía, que tamén precisan que a operación afectaría tamén a cohesión territorial pola presenza destas entidades financeiras no territorio. "España ten actualmente un sistema financeiro forte e solvente. O noso deber é velar por manter un sistema financeiro sólido, que siga contribuíndo ao crecemento da nosa economía e á axenda de inclusión financeira e protección dos clientes", sinalan desde o Ministerio que dirixe Carlos Cuerpo.

Aliás, a vicepresidenta segunda e ministra de Traballo e Economía Social, Yolanda Díaz, advertiu após coñecer a noticia que a operación é "contraria aos intereses de España". "Destruiría moito emprego, provocaría exclusión financeira e máis oligopolio", alertou Díaz nas súas redes sociais. A vicepresidenta segunda resaltou, ademais, que esta operación suporía "liquidar o Sabadell en beneficio só dos fondos de investimento estranxeiros que son propietarios do BBVA".

Garamendi: "As empresas son libres de facer ofertas"

No sentido oposto, o presidente da CEOE, Antonio Garamendi, afirmou esta quinta feira, ao ser preguntado pola OPA hostil de BBVA, que as empresas "son libres de actuar, de participar e de facer ofertas ou non". Durante unha intervención no V Foro Internacional de Expansión, Garamendi afirmou que, como dixo onte o gobernador do Banco de España, Pablo Hernández de Cos, el "non é a persoa adecuada" para dar a súa opinión sobre esta OPA.

"Remítome ao propio gobernador, que é unha persoa brillante e que oxalá estivese moitos anos máis", apuntou Garamendi ao ser preguntado por esta operación. O dirixente da patronal lembrou que tanto o BBVA como o Sabadell son socios da CEOE. "Teñen uns equipos magníficos, os presidentes son magníficos e, por tanto, eu creo que iso queda no ámbito privado e o que creo é que hai que respectar as decisións, neste caso, dunha e ambas as partes e tamén dos accionistas", defendeu Garamendi.

BBVA confía no visto e prace do Goberno

Alleo ás críticas, o presidente de BBVA, Carlos Torres, afirma que o Goberno terminará por apreciar o valor da OPA hostil sobre Sabadell, unha vez queden "claros" todos os termos da operación. Torres indicou que agora mesmo o Estado español vive un momento de "moita politización", coas eleccións catalás deste domingo no foco, pero confiou en que Moncloa dará finalmente o visto e prace.

Nunha conferencia ante analistas para explicar o anuncio da OPA, Torres defendeu que a transacción crea un banco que mellorará o apoio que dá á sociedade a través do crédito, que crea valor para a economía e xerará máis resultados, o que redundará nunha "base fiscal maior" para o Estado español. "É bo para o país ter un banco tan forte que poida operar no mercado europeo e global e o Goberno vai apreciar, seguro, o valor de estra transacción unha vez que as cousas se vexan máis claras", manifestou.

Comentarios