Os roubos en explotacións agrogandeiras aumentaron en 57% na Galiza

Houbo case 200 subtraccións ao longo de 2023

Vacas nunha explotación leiteira. (Foto: Nós Diario)
photo_camera Vacas nunha explotación leiteira. (Foto: Nós Diario)

A Galiza é o territorio do Estado onde máis aumentaron os roubos en explotación agrícolas e gandeiras en 2023, un 57% máis. Así o sinalan desde a Unión de Uniones de Agricultores e Gandeiros, que divulgou os datos do Ministerio de Interior sobre esta cuestión.

A nivel de conxunto do Estado, o aumento nos roubos foi de 3,5% en comparación co ano anterior. Tras analizar os datos, rexistráronse 11.376 feitos denunciados en 2023, o que equivale a 31 roubos diarios a nivel estatal. Na Galiza houbo con 191 roubos. O aumento afectou principalmente ás provincias de  Lugo (131%) e Pontevedra (70%).

Andalucía segue sendo a comunidade con máis roubos, contabilizando 3.660 dos 11.376 a nivel estatal. Seguen Castela-A Mancha, con 1.507 roubos e o País Valencià, con 1.385 roubos.

Unión de Unións sinala que estes datos só reflicten os feitos denunciados, subliñando que non todos os incidentes son denunciados, o que distorsiona a imaxe real da seguridade no campo.

Na Galiza hai, e só en explotacións leiteiras, algo máis de 5.500 granxas. En dez anos, 3.000 explotacións gandeiras de produción de leite menos. Esta é a previsión que manexa a industria láctea galega para a vindeira década, unha desaparición progresiva de granxas que, porén, apuntan, non afectaría á produción.

Comentarios