Os sindicatos urxen outra Mesa de apoio ao Sector Naval "na que haxa compromisos"

A CIG, CCOO e UXT queren compromisos reais desde a industria. 
Instalacións do estaleiro de Armón na ría de Vigo (Foto: Nós Diario).
photo_camera Instalacións do estaleiro de Armón na ría de Vigo (Foto: Nós Diario).

As centrais sindicais CIG, CCOO e UXT solicitaron onte formalmente á Xunta da Galiza unha nova convocatoria da Mesa de apoio ao emprego do Sector Naval na que estivesen presentes varios representantes de "alto nivel" de estaleiros e tamén da industria auxiliar galega. 

A demanda realizouse a través dunha carta remitida á conselleira de Economía e Industria, María Jesús Lorenzana, e nela os tres sindicatos lembraron que nas dúas reunións anteriores que se fixeron da mesa técnica do naval galego debatéronse aspectos que cualificaron de "puramente técnicos" sobre os problemas de seguridade e prevención da devandita industria. 

Aspectos "incompletos"

Con todo, segundo as organizacións sindicais, eses aspectos que se trataron no seu momento "quedarán incompletos" por non adquirir compromisos "reais e que se poidan cuantificar" por parte das empresas principais e auxiliares galegas.

Por este motivo, as forzas sindicais ven que é  "imprescindíbel" unha nova convocatoria da Mesa de apoio ao emprego do Sector Naval da provincia de Pontevedra.

Nela sería "imperativo" que participen ao "máis alto nivel" representantes de estaleiros e tamén da industria auxiliar, "xa que non é posíbel avanzar en solucións reais e sólidas se estas non están referendadas por quen ten a capacidade tanto políticas como económicas para levalas adiante", sentenciaron no mesmo comunicado.

Así, no documento feito público solicitan a María Jesús Lorenzana que "o máis pronto posíbel" convoque este encontro contando  con todos os actores, incluíndo tanto á Administración, como ás empresas, aos sindicatos e, da mesma maneira, ao Ministerio de Traballo e Economía Social para que participe a través de persoal do departamento da Inspección de Traballo na Galiza.

Comentarios