O Goberno español aprobará a vindeira semana o teito de gasto e o novo cadro macroeconómico

En Moncloa confían en completar en 15 días o fin do veto do Senado ao teito de gasto para achaiar o seu camiño.
O ministro español de Economía, Carlos Cuerpo, nun almorzo informativo organizado esta segunda feira en Madrid. (Foto: Eduardo Parra / Europa Press)
photo_camera O ministro español de Economía, Carlos Cuerpo, nun almorzo informativo organizado esta segunda feira en Madrid. (Foto: Eduardo Parra / Europa Press)

O ministro español de Economía, Comercio e Empresa, Carlos Cuerpo, adiantou esta segunda feira que o Goberno aprobará a vindeira semana o novo cadro macroeconómico, que elevará a perto de 2,5% a estimación de crecemento para este ano, xunto co teito de gasto para 2025, dando así o disparo de saída á elaboración dos Orzamentos Xerais do Estado do próximo ano. Durante a súa participación nos Almorzos Informativos de Europa Press, Cuerpo sinalou que revisarán á alza os datos do cadro macroeconómico, desde a estimación do 2% actual de crecemento para este ano até achegalo máis ás previsións dos organismos estatais e internacionais, na contorna do 2,5%.

Cuerpo sinalou que o Goberno estaba quedando "atrasado" nas súas previsións e que o propio presidente, Pedro Sánchez, sinalou que o Executivo non podía ser "máis pesimista" que todos os organismos "por moi prudentes" que queiran ser. "Imos lanzar o proceso de aprobación dos OXE de 2025 e o cadro macro serve de base, polo que temos que ir a unha actualización da última previsión deste ano, que se situará máis perto do 2,5% que do 2% actual", reiterou Cuerpo, tras asegurar que se aprobará a semana que vén, xunto co límite non financeiro para 2025, coñecido como teito de gasto.

Neste sentido, apuntou que a súa aprobación depende do Ministerio de Facenda e que está a traballar "de forma continua e sen descanso" para cumprir os obxectivos e que se aprobe dentro do calendario normal, que é antes do mes de agosto. Preguntado a respecto de como pode afectar a situación política en Catalunya á negociación dos Orzamentos de 2025, o ministro mostrouse "optimista" respecto diso, e agregou que as contas públicas teñen que negociarse e que se trata dun escenario que no Estado español sucede xa durante varios anos e que hai que "normalizar", xa que non hai maiorías absolutas.

Así, indicou que este proceso de negociación entre partidos e axentes sociais fai que as normas sexan máis "equilibradas, mellores e máis sostíbeis no tempo", e aínda que admitiu que as "ramificacións" dun posíbel Goberno entre o PSC e ERC son "infinitas", en Moncloa van "paso a paso" e el é "optimista" en canto a sacar adiante os Orzamentos.

Durante a súa intervención, o titular de Economía destacou a boa marcha da economía española, que crece cinco veces máis que a media da Unión Europea e crea catro de cada dez empregos en Europa, e lamentou o "relato pesimista" que se instalou na economía española por, entre outras cousas, o "rumbo negativo" na información económica que lles chega aos cidadáns.

"Os titulares de prensa negativos atraen máis clics [...] e tendemos a prestar máis atención aos elementos negativos ou de risco", indicou Cuerpo, que engadiu que os analistas pesimistas parecen "máis intelixentes e mellor informados" e o foco da discusión política ponse tamén nos datos máis negativos. Ademais, apuntou que a esa percepción negativa contribúe tamén a alza de prezos dalgúns alimentos básicos ou dos prezos do aluguer.

Neste contexto, afirmou que o Goberno ten que ser capaz de levar a "boa evolución das cifras macro ao micro" e, concretamente, fixo referencia ao problema de acceso á vivenda, un tema clave non só para o crecemento económico senón tamén para a emancipación dos mozos e mozas ou a mobilidade laboral. Como retos a futuro, mencionou a necesidade de romper cun paro estrutural da contorna do 12%, descarbonizar a economía ou acelerar o proceso de dixitalización do Estado español, así como adecuar a oferta laboral á mellor cualificación dos empregados.

Veto do Senado

O Goberno quere completar nas próximas dúas semanas o fin do veto irrevogábel do Senado ao teito de gasto, coa idea de achandar a tramitación parlamentaria da senda de déficit que prepara Facenda e así proseguir coa elaboración dos Orzamentos Xerais. Segundo confirmaron fontes parlamentarias citadas pola axencia Europa Press, será o próximo 17 de xullo cando o pleno do Senado debata e vote a Lei de paridade, que é precisamente a norma onde o PSOE e Sumar incluíron a eliminación do veto e que foi aprobada polo Congreso o pasado 27 de xuño.

Como o PP ten maioría absoluta na Cámara Alta e votou en contra desta lei no Congreso, entre outros motivos pola eliminación desa capacidade de veto, é previsíbel que o Senado rexeite o texto aprobado na Cámara Baixa. Cando isto suceda, o texto desbotado ten que volver ao Congreso e someterse a unha nova votación, o que se prevé para o 23 de xullo na mesma sesión plenaria na que se espera validar o decreto 'anticrise' e aprobar a renovación do Poder Xudicial.

Para esa última votación da Lei de paridade o Executivo necesita a maioría absoluta da Cámara, polo menos 176 deputados e deputadas, e se o logra o texto poderá publicarse no Boletín Oficial do Estado (BOE) e entrar en vigor, incluíndo a desaparición do poder de veto do Senado.

Comentarios