Os 27 Estados da UE empezan a negociar os principais cargos tras as eleccións ao Parlamento Europeo

António Costa podería facerse coa Presidencia do Consello Europeo.
Ursula von der Leyen. (Foto: Bernd Elmenthaler / Zuma Press / ContactoPhoto)
photo_camera Ursula von der Leyen. (Foto: Bernd Elmenthaler / Zuma Press / ContactoPhoto)

As e os líderes dos 27 Estados membros da Unión Europea (UE) reuníronse a segunda feira en Bruxelas (Bélxica) nunha cea informal para abordar quen estará á fronte das principais institucións da UE ao longo do vindeiro lustro.

A diferenza das difíciles negociacións de 2019, nas que, de forma inesperada, a conservadora alemá Ursula von der Leyen acabou sendo designada presidenta da Comisión Europea, nesta ocasión os medios internacionais prevén que sexan máis doadas após transcender certo consenso arredor destes cargos.

A priori, Von der Leyen conta con moitas opcións de revalidar o posto ao lograr o seu grupo parlamentario, o Partido Popular Europeo (PPE), a primeira praza nas eleccións ao Parlamento Europeo entre o 6 e 9 de xuño, logrando a maioría absoluta no organismo ao sumar os seus escanos aos do grupo de Socialistas e Demócratas (S&D) e dos liberais de Renovar.

A cambio do apoio á teutoa, S&D reclamaría que a Presidencia do Consello Europeo ficase en mans do ex primeiro ministro portugués António Costa tras a campaña desatada ao seu favor por parte do Goberno conservador luso.

Tamén hai indicios que apuntan a que a primeira ministra estoniana, a liberal Kaja Kallas, sería elixida para liderar Asuntos Exteriores na Comisión en substitución de Josep Borrell, ao tempo que Roberta Metsola, dos conservadores malteses, se mantería como presidenta do Parlamento Europeo.

Con todo, nestas seleccións son comúns as sorpresas pola necesidade de alcanzar un equilibrio tanto no tocante aos grupos parlamentarios como ao Estado de procedencia, e a posibilidade de que algún país vete algunha das candidaturas. No caso de que nesta xuntanza, que seguía á hora de feche desta edición, non se alcanzara un acordo a seguinte oportunidade sería na sesión do Consello Europeo a finais deste mes.

En todo caso, ten que rubricarse o entendemento como moi tarde antes da primeira sesión do Parlamento Europeo a mediados de xullo, na que será elixida a Presidencia da Cámara.

Durante a campaña electoral, S&D fixou como liña vermella para apoiar Von der Leyen que rexeitara pactos coa ultradereita.

Xa no que atinxe ao resto de membros da Comisión Europea será a presidenta ou presidente do Executivo da UE o que negocie os postos cos Estados, que deberán definir as súas candidaturas.

Neste sentido, o PSOE busca que a aínda vicepresidenta terceira e ministra de Transición Ecolóxica Teresa Ribera se encargue da carteira de cambio climático e enerxía.

Comentarios