Amplo apoio nos referendos de Véneto e Lombardía a aumentar o autogoberno

O executivo italiano amosouse disposto a iniciar un diálogo con estas dúas rexións. No Véneto 98% dos votos foron favorábeis a ter máis autonomía, porcentaxe que en Lombardía foi de 95%.

veneto

Lombardía e Véneto queren máis autogoberno. Foi a mensaxe clara e rotunda que este domingo saíu dos referendos consultivos que se realizaron en ambas as dúas rexións italianas. 98% dos participantes no referendo do Véneto votou a favor de maior autogoberno e financiamento para a súa terra, mentres que 95% dos que tomaron parte na consulta de Lombardía se pronunciaron no mesmo sentido para a súa terra. A participación foi de 60% no primeiro dos casos e 40% no segundo. O mínimo para que as consultas tivesen validez era 50 por cento.

Luca Zaia, de Liga Norte e presidente do Véneto, xa anunciou que ían pedir a Roma que lles transferise 23 competencias, entre elas sanidade, educación, lexislación laboral...Aliás, solicitarán que 90% dos impostos recadados no territorio fiquen nel.

Un representante do goberno italiano avanzou que están dispostos a negociar, abrindo un diálogo que ambas as dúas partes saben que non vai ser doado. O presidente de Lombardía, Roberto Maroni (Liga Norte), cualificou como “a batalla do século” a negociación con Roma.

Comentarios