O ANC busca manter unha maioría absoluta nas eleccións xerais en Suráfrica que as enquisas desbotan

As progresistas MK e EFF superarían cada unha 10% dos votos.
O presidente Cyril Ramaphosa. (Foto: Zhang Yudong / Europa Press / Contacto)
photo_camera O presidente Cyril Ramaphosa. (Foto: Zhang Yudong / Europa Press / Contacto)

Case 28 millóns de votantes decidirán esta cuarta feira a composición dos 400 escanos da Asemblea Nacional de Suráfrica nas sétimas eleccións democráticas, unha vez que o réxime de apartheid foi derrotado hai tres décadas. Desde ese momento, o progresista Congreso Nacional Africano (ANC) do defunto Nelson Mandela fíxose coa maioría absoluta no lexislativo en todas as votacións, maioría que o actual presidente e candidato á reelección, Cyril Ramaphosa, aspira a reeditar no peor momento a nivel electoral da formación. En 2021, nas locais, baixou por primeira vez de 50% dos votos.

O certo é que, segundo as enquisas publicadas este mes, Ramaphosa ten moi difícil alcanzar a metade das papeletas, e na súa maioría outórganlle entre 42% e 44%, cunha vintena de puntos porcentuais por riba da conservadora Alianza Democrática (DA), que promove a privatización de empresas públicas.

Tamén apuntan que a progresista Lanza da Nación (MK) e a comunista Loitadores pola Liberdade Económica (EFF) poderían superar cada unha 10% dos votos. Neste contexto, prevese que o ANC continúe a liderar o Goberno do país africano, mais tería que alcanzar un acordo con algunha destas formacións de non lograr a maioría absoluta.

Probabelmente tería que ser coa segunda pola tensión entre a primeira forza, fundada polo ex presidente Jacob Zuma, e o ANC. A Xustiza surafricana ditaminou que Zuma non podía presentarse aos comicios por unha condena de 15 meses de prisión por negarse a declarar nunha causa que investigaba a corrupción na Administración no seu mandato entre 2009 e 2018, tras a que rachou co ANC.

Nese período freáronse os avances que comezaron con Mandela e medrou a corrupción, levando votantes do ANC a virar o seu apoio cara a Julius Malema, que fundou EFF despois de liderar as xuventudes do ANC.

Coa taxa de desemprego en 33%, a pobreza afectando máis da metade da poboación e fortes desigualdades herdadas do apartheid que aínda non foron resoltas, Ramaphosa enfrontou tamén un grave problema de vivenda e en servizos públicos como a electricidade ou a subministración de auga, que están a afastar o apoio das persoas máis novas, que non sufriron o apartheid, á formación.

Con todo, a campaña do ANC viuse impulsada pola súa defensa de Palestina, levando Israel á Corte Internacional de Xustiza (CIX) por xenocidio, mentres que o DA tende á defensa dos sionistas, algo fortemente cuestionado por ter sido Israel un dos principais apoios do réxime de apartheid en Suráfrica.

Comentarios