Catalunya

Un acordo entre Junts, ERC e a CUP leva Josep Rull á Presidencia do Parlament

O soberanismo faise con catro dos sete postos da Mesa.
Josep Rull (Junts), a segunda feira. (Foto: Lorena Sopêna / Europa Press)
photo_camera Josep Rull (Junts), a segunda feira. (Foto: Lorena Sopêna / Europa Press)

A pesar de que nos comicios cataláns do 12 de maio as forzas soberanistas perderon a maioría absoluta, a segunda feira, ao constituírse o Parlament, un acordo entre Junts, Esquerra Republicana de Catalunya (ERC) e a Candidatura d’Unitat Popular (CUP) permitiu que a Presidencia da Mesa do lexislativo se manteña en mans independentistas, ao ser elixido para o cargo o ex preso político Josep Rull (Junts).

Rull obtivo os 59 votos destes partidos na segunda volta, na que só se requiría dunha maioría simple, superando os 42 apoios de Sílvia Paneque, a proposta do Partit dels Socialistes (PSC-PSOE).

Paneque vencera nunha primeira rolda na que Rull se fixo con 35 sufraxios, a proposta de Comuns Sumar, Susana Segovia, con seis, a do Partido Popular (PP), Lluís Huguet, con 15, e a da ultraespañolista Vox, María Elisa García Fuster, con 11. Tamén se rexistraron 24 votos en branco e dous nulos.

O pacto independentista tamén se estendeu ás Vicepresidencias e ás Secretarías, polo que contarán con catro dos sete postos na Mesa do Parlament, dous para Junts e dous para ERC. Pola súa parte, o PSC terá a Vicepresidencia segunda e dúas Secretarías.

No inicio da sesión, o PP e Vox anunciaron que levarán ao Tribunal Constitucional a decisión da mesa de idade, constituída polo deputado de máis idade, Agustí Colomines (Junts) e as lexisladoras de menos, Mar Besses (ERC) e Júlia Calvet (Vox), e que rexe o primeiro Pleno, logo de que resolvera permitir que o ex presidente e candidato de Junts, Carles Puigdemont, e o deputado Lluís Puig, votasen telematicamente ao estar exiliados.

Pola súa parte, o presidente de ERC, Oriol Junqueras, formalizou onte a renuncia ao posto, que xa adiantara tras a baixada na representación da formación nas eleccións catalás. Con todo, desenvolverá o que definiu como un “proceso de contacto e escoita” coa militancia para determinar se volve optar a liderar ERC no Congreso de novembro.

De feito, é Marta Rovira, secretaria xeral saínte, quen dirixiu as negociacións para a Mesa do Parlament e está a cargo tamén das conversas para a investidura. Neste último caso, e ante unha hipotética negociación co PSC, fixou a “soberanía fiscal” e un modelo de financiamento xusto e singular como o primeiro paso para abrir o debate co grupo liderado por Salvador Illa.

A partir da primeira tentativa de investidura, como máximo 10 días hábiles tras constituírse o lexislativo, comeza un prazo de dous meses despois do que serán convocadas automaticamente novas eleccións no caso de que ningunha persoa sexa elixida para encabezar a Generalitat.

Comentarios