O asalto israelí a Rafah poría en risco a vida de centos de miles de persoas, alerta a ONU

Como mínimo 10.000 palestinas e palestinos están baixo os cascallos.
Traslado do corpo dunha persoa palestina asasinada por Israel en Gaza. (Foto: Saher Alghorra / Europa Press / Contacto)
photo_camera Traslado do corpo dunha persoa palestina asasinada por Israel en Gaza. (Foto: Saher Alghorra / Europa Press / Contacto)

O voceiro da Oficina da Organización das Nacións Unidas (ONU) para a Coordinación de Asuntos Humanitarios, Jens Laerke, advertiu a sexta feira que os centos de milleiros de persoas palestinas que estima permanecen en Rafah, na fronteira de Gaza con Exipto, estarían “en risco inminente de morte” se Israel lanza un asalto contra a urbe, como anunciou en múltiples ocasións.

A ofensiva, enmarcada na agresión militar contra a Faixa, que persoas expertas da ONU cualifican de xenocidio e limpeza étnica, “podería ser unha matanza de civís e un golpe incríbel para as operacións humanitarias” no enclave.

Á vez, Rik Peeperkorn, representante para Palestina da Organización Mundial da Saúde (OMS), detallou que a posibilidade de que estoupe unha fame masiva “non diminuíu en absoluto”.

Intimidación á CPI

Ademais, a Fiscalía da Corte Penal Internacional (CPI) solicitou que “todos os intentos de impedir, intimidar ou influír indebidamente nos seus funcionarios cesen de inmediato”, todo isto no medio da campaña israelí contra o tribunal por mor da posíbel emisión de ordes de arresto contra os seus líderes polas políticas contra o pobo palestino.

Aparte das case 35.000 mortes confirmadas de palestinas e palestinos en Gaza nos bombardeos indiscriminados contra a poboación civil e na invasión da Faixa, a ONU destacou que como mínimo 10.000 persoas están sepultadas baixo os cascallos.

Universidades

En Francia, a Policía asaltou o centro universitario Sciences Po para acabar cunha protesta contra a agresión militar sionista, e nos Estados Unidos a cifra de persoas arrestadas por protestar nas universidades elevouse a arredor de 2.200.

Comentarios