Asia é a rexión "máis afectada polas catástrofes" vinculadas co clima, e Europa onde máis medra a temperatura

A temperatura no continente europeo medra o dobre que a media mundial.
Inundacións en Paquistán o pasado ano. (Foto: PPI / Europa Press / Contacto)
photo_camera Inundacións en Paquistán o pasado ano. (Foto: PPI / Europa Press / Contacto)

A Organización Meteorolóxica Mundial (OMM) revelou a terza feira que Asia “foi a rexión do mundo máis afectada polas catástrofes” relacionadas co clima en 2023, o ano máis quente desde que existen rexistros.

O continente padeceu o maior número de vítimas e de perdas económicas por mor de eventos naturais intensificados pola mudanza climática como secas, inundacións ou tormentas. Estes dous últimos fenómenos concentraron máis de 80% das catástrofes, que mataron máis de 2.000 persoas.

Asia estase a quentar máis rápido que a media global, con temperaturas que en 2023 excederon os 2ºC con relación á media entre 1961 e 1990, provocando que 20 dos 22 glaciares que se están a estudar perderan masa de forma continuada o pasado exercicio.

O altiplano tibetano é fóra das rexións polares a zona do mundo que contén un maior volume de xeo.

Reducir as emisións de gases de efecto invernadoiro e adaptarse ao cambio climático é unha necesidade fundamental”, incidiu Andrea Celeste, directora da OMM, un organismo da Organización das Nacións Unidas.

24 horas antes, a OMM e Copernicus, unha entidade da Unión Europea (UE), trasladaron que Europa é o continente que máis se está a quentar, coas temperaturas medrando a un ritmo o dobre de rápido que a media mundial.

A suba xa é de 2,3ºC desde a época preindustrial, o que se traduciu na multiplicación dos incendios forestais, as ondas de calor, a perda de xeo nos glaciares e a falta de nevadas.

Copernicus cifrou en até 13.400 millóns de euros as perdas económicas relacionadas co clima ao longo do pasado ano no continente europeo.

Comentarios