Saúde

AstraZeneca retira en todo o mundo a súa vacina contra a Covid-19 após admitir que pode provocar tromboses

A empresa reitera que se trata dunha decisión por motivos comerciais.
Vacinación con AstraZeneca en Filipinas durante a pandemia. (Foto: Basilio Sepe / ZUMA Press Wire / DPA vía Europa Press)
photo_camera Vacinación con AstraZeneca en Filipinas durante a pandemia. (Foto: Basilio Sepe / ZUMA Press Wire / DPA vía Europa Press)

Poucos días despois de transcender que a farmacéutica privada AstraZeneca, con sede no Reino Unido, admitiu diante da Xustiza británica que a súa vacina contra a Covid-19 pode provocar tromboses, medios internacionais recolleron a cuarta feira que a compañía decidiu retirar o composto en todo o mundo.

A empresa insistiu en que se trata dunha decisión comercial ao ter sido a vacina substituída por outras especializadas nas distintas variantes do coronavirus. No que atinxe á Unión Europea (UE), AstraZeneca solicitou ao Executivo o 5 de marzo a retirada da autorización para comercializar o produto, o que se fixo efectivo a terza feira. Nos vindeiros meses, prevé replicar esta demanda no resto de Estados que aprobaron a súa venda.

Sobre a denuncia de vítimas ou familiares de vítimas dos efectos secundarios do composto, o equipo legal que as defende sostivo que a vacina non é tan segura como as e os usuarios tiñan dereito a agardar. Kate Scott, cuxa parella padeceu lesións cerebrais permanentes logo da inxección, cuestionou que a decisión teña motivacións comerciais.

Comentarios