Morre Suárez e Juan Carlos Borbón comparece para reivindicar o réxime do 78

Juan Carlos I define o ex presidente español coma "un colaborador excepcional" da monarquía española que tivo "sempre" como guía de actuación "a unidade de España". O primeiro presidente despois da ditadura faleceu sen explicar as causas que o levaron a demitir do cargo uns días antes do golpe de estado de 1981.

suarezconfranco
photo_camera Suárez con "el General Franco", como o ex presidente español chamaba ao ditador.


"A dor non é obstáculo para valorar un dos capítulos máis brillantes da historia de España, a transición que impulsamos Adolfo e eu xunto cun excepcional grupo de persoas de diferentes ideoloxías, unidos por un alto sentimento de patriotismo".

É un bocado da mensaxe emitida ás 16h deste domingo por Juan Carlos de Borbón, quen aproveitou o pasamento anunciado do que foi o primeiro presidente español despois da morte de Franco, Adolfo Suárez, para se reivindicar a si propio como artífice do rexime estabelecido en 1978.

Dixo o Borbón que tivera en Suárez "un amigo leal" e "un colaborador excepcional" coa monarquía española, enfatizando que o falecido tivera "sempre" como guía de actuación "a lealdade á coroa" e "a unidade de España".

Deste último punto tamén aproveitou para falar o presidente do Goberno, Mariano Rajoy, quen compareceu ás 16.30h para destacar que "a mellor homenaxe que podemos facer a Suárez é esforzarnos por seguir o camiño que el nos marcou, o camiño do entendemento e da solidariedade entre españois". Tamén Rajoy ensalzou o rexime do 78, describíndoo coma "un dos maiores logros colectivos que conseguimos como país". 

En 1958 Adolfo Suárez pasou a facer parte da Secretaría Xeral do Movemento, en plena ditadura franquista; e en 1975 foi escollido por El-Rei como ministro-secretario xeral. Após gañar as eleccións de 1977, Suárez converteuse no primeiro presidente español despois do franquismo. Uns días antes do golpe de estado de 1981, Suárez demitiu da presidencia do goberno sen alegar máis motivos que "o ben de España". Este domingo, aos 81 anos de idade e tras dez anos enfermo de Alzheimer, morreu en Madrid.

Comentarios