As cadeas de Israel mantiñan detidas 422 crianzas palestinas en 2015

O goberno de Tel Aviv modificou a lexislación para permitir o encarceramento de menores de idade, porén, nas súas prisións cóntanse por centos as persoas detidas entre 12 e 17 anos, segundo UNICEF. 

Palestina Libre
photo_camera [Imaxe Palestina Libre]

O Parlamento do Estado de Israel aprobou esta cuarta feira (4 de agosto) unha lei pola que autoriza o encarceramento de menores de 14 anos acusados de "terrorismo". A medida, proposta polo partido que apoia o goberno, Likud, fai parte dun conxunto de reformas legais levadas a cabo polo Estado de Israel nos últimos anos e entre as que se atopa a posibilidade de condenar unha persoa a 20 anos de prisión por tirar pedras contra as Forzas Armadas israelís. 

Para aqueles asasinados cun coitelo no corazón non importa se o menor ten 12 ou 15 anos", dixo a deputada do Likud,  Anat Berko

Segundo a deputada do Likud e defensora da proposta, Anat Berko, o obxectivo da denominada 'Lei de xuventude' é punir "a onda de terrorismo" que, asegura, atinxe o Estado de Israel "desde hai algún tempo". "A sociedade está autorizada a protexerse. Para aqueles asasinados cun coitelo no corazón", sinalou referíndose á que se considera a cuarta Intifada, a dos coitelos, "non importa se o menor ten 12 ou 15 anos", recolle EFE. 

A reforma contou co apoio de 32 parlamentares, 16 votaron en contra e apenas un deputado se abstivo. Porén, nas cadeas israelís a cifra de crianzas detidas, entre 12 e 17 anos, ascendía a finais de 2015 a 422 segundo os dados fornecidos por UNICEF

En 2015 UNICEF cifrou en 422 as crianzas detidas en cadeas israelís

De acordo coa información proporcionada polo órgao dependente das Nacións Unidas este supón o número máis elevado dos últimos sete anos, o que evidencia que a detención de crianzas non é algo novo nen comezará a implementarse após a reforma lexislativa. De facto, entre 1967 e 2013 Israel detivo máis de 25 mil, segundo a Asociación de Axuda a Prisioneiros Palestinos Al-Asi, unha información que publicaba Sermos Galiza na altura, facéndose eco tamén das denuncias de torturas, vexacións e mesmo abusos sociais ás que eras sometidas as crianzas nas prisións. 

No concreto, a Organización en defensa das crianzas internacional-palestina (DCIP) en declaracións recollidas pola axencia de noticias local Maan situaba no 86% a cifra de menores en Palestina que expirementaron algunha forma de violencia física durante a súa detención ou interrogatorio

Aliás, algunhas familias teñen denunciado que no interior das prisións as crianzas son obrigadas a traballar por 4 dólares ao día, como recolle o portal de información Middle Est a respeito dun caso na cadea de Ofek. 

Comentarios