Eleccións catalás

Cales son os escenarios posíbeis en Catalunya? Intentará Puigdemont ser de novo president?

"Un Govern tripartito [PSC, ERC e Sumar-Comuns] é unha mala opción para o país", afirmou o líder de Junts.
O líder de Junts, Carles Puigdemont (Foto: Glòria Sánchez / Europa Press).
photo_camera O líder de Junts, Carles Puigdemont (Foto: Glòria Sánchez / Europa Press).

"Un Govern tripartito [PSC, ERC e Sumar-Comuns] é unha mala opción para o país. Se ERC está disposta a refacer pontes e a entrar nesta reflexión sobre os efectos da desunión e da carencia dunha estratexia compartida, nós tamén estamos. Estamos en condicións de construír un Govern sólido de obediencia netamente catalá", esa era a mensaxe que lanzaba este domingo o candidato de Junts, Carles Puigdemont.

Para Puigdemont, unha repetición electoral sería unha mala noticia para a sociedade catalá, polo que aposta pola formación dun novo Executivo. Con todo, o candidato de Junts descartou en campaña a posibilidade de facer president a Salvador Illa, o líder do PSC, quen gañou as eleccións en votos e escanos.

Neste contexto, as palabras do ex president catalán, que reafirmou este domingo a distancia que o separa da formación liderada por Salvador Illa, semellan querer pór ERC na encrucillada de ter que apostar por apoiar o socialista ou apostar por unha vía soberanista. Un Govern liderado por Puigdemont tan só sería viábel no caso de que o PSC optase por unha abstención para propicialo, algo que parece pouco probábel despois de Illa anunciar a súa intención de optar á investidura no Parlament.

Porén, Junts conta cunha baza para intentar forzar o PSC a posibilitar que Puigdemont sexa de novo president, e esta é a necesidade que o PSOE ten no Congreso español do apoio das forzas soberanistas catalás para conseguir sacar adiante maiorías na Cámara Baixa para desenvolver iniciativas lexislativas desde o Executivo estatal liderado por Pedro Sánchez.

Un elemento que tamén abre outra posibilidade, que sería un grande acordo transversal para asegurar a gobernabilidade entre as dúas forzas do Executivo español (PSC e Comuns-Sumar) e as dúas formacións maioritarias do espazo soberanista (Junts e ERC). Con todo, este entendemento semella improbábel e tampouco se albiscan as fórmulas de Govern que posibilitarían esta vía.

Unha das claves é como sentaría a repetición electoral a cada unha das forzas políticas. Ademais, Illa ten na súa man forzar novos comicios se non é president e ERC xa anunciou que iría á oposición sen pronunciarse sobre posíbeis pactos. Neste contexto, de non posibilitar Illa un Govern soberanista coa súa necesaria abstención ao non sumar maioría absoluta as formacións deste espazo (Junts, ERC e a CUP), a formación republicana veríase forzada a apoiar o socialista ou ir a novas eleccións.

A pregunta é se a ERC lle convén ir a novos comicios despois de ter perdido 13 asentos no Parlament de Catalunya, ficando en 20 deputados e deputadas. O candidato republicano e president da Generalitat de Catalunya en funcións, Pere Aragonès, afirmou este domingo sobre este descenso electoral que a súa formación foi vítima da "polarización".

Precisamente unha maior polarización entre Illa e Puigdemont nunha repetición electoral é o escenario que máis podería afectar ERC nuns novos comicios, o que levaría a formación republicana a unha perda de peso aínda maior no Parlament de Catalunya. Seguramente, este sexa un dos argumentos nos que máis confían desde o PSC para poder conformar un Govern arredor do seu líder Salvador Illa. Con todo, de fondo segue a gobernabilidade no Congreso español e a continuidade da lexislatura de Pedro Sánchez, que depende do entendemento con Junts e ERC. Os escenarios están abertos.

Comentarios