“Liberdade detidos”: Centos de persoas concéntranse perante a Cidade da Xustiza de Barcelona en apoio aos seis detidos

A Garda Civil rexistrou máis unha nova empresa, desta volta nun polígono de Òdena, na procura de urnas de votación. Puigdemont afirma, nunha carta no Washington Post, que o 1-O haberá referendo. 

catalunya refrendo imaxe de @CridaDemocracia
photo_camera Imaxe de @CridaDemocracia

A Garda Civil trasladou a primeira hora desta sexta feira á Cidade da Xustiza de Barcelona a seis das persoas detidas a pasada cuarta feira na operación contra o referendo do 1-O. Centos de persoas permanecen concentradas reclamando a liberdade dos detidos, nun acto no que, entre outros, está a presidenta do Parlament, Carme Forcarell. Ao longo desta quinta feira, miles de persoas tomaron parte na concentración na que se pedía a liberdade das persoas detidas. Máis de 200 pasaron a noite en tendas de campaña. Na nova concentración, perante a Cidade de Xustiza, toman parte por volta de mil persoas. 

O síndic de greuges (valedor do povo), Rafel Ribó, afirma nunha entrevista radiofónica esta sexta feira que, “diga o que se diga, o autogoberno de Catalunya está suspendido”. Ao tempo, traballadores de TVE en Catalunya denuncian perante o Consello de Informativos a “manipulación” da cadea pública nas súas informacións relativas ao refrendo.

Esta sexta feira a Garda Civil volveu entrar nunha nova empresa para rexistrala na procura de urnas ou material para o referendo. Desta volta, foi en Innovapack, no polígono industrial de Òdena. O rexistro orixinouse a raíz dunha brincadeira en whatsApp.

Nunha carta que publica The Washington Post, o presidente catalán, Carles Puigdemont, afirma que o referendo do 1-O vai realizarse e carga contra o goberno de Mariano Rajoy pola súa actitude antidemocrática.

Comentarios