Eleccións Europeas 9-X

CIS: o PSOE gañaría nas europeas cunha vantaxe de tres puntos; Agora Repúblicas, perto do 4% de votos

A formación impulsada polo comunicador ultradereitista Alvise Pérez podería lograr até tres escanos.
Estimación electoral do CIS para as europeas.
photo_camera Estimación electoral do CIS para as europeas.

A segunda enquisa do Centro de Investigacións Sociolóxicas (CIS) para as eleccións europeas do 9 de xuño, difundida esta segunda feira —último día no que está permitido difundir sondaxes—, mantén en cabeza o PSOE cunha vantaxe de arredor de tres puntos sobre o PP, dous menos que na enquisa coa que abrira a campaña.

 

En concreto, o PSOE aparece cunha estimación de voto entre 31,6% e 33,2%, mentres atribúe ao PP un apoio de entre 28,3% e 30,5%. En terceiro lugar repite Vox, con entre 9,9% e 11%, e detrás aparece Sumar, cunha estimación de 5,4% a 7,1%. A quinta praza é para a agrupación Se Acabó La Fiesta, do comunicador ultradereitista Luis Alvise Pérez, que con entre 4,9% e 5,7% supera a coalición Agora Repúblicas —ERC, Bildu e BNG— e mais Podemos.

A enquisa baséase en 7.491 entrevistas telefónicas realizadas entre o 23 e o 30 de maio, en plena campaña electoral, cunha marxe de erro 1,2 puntos. Segundo o CIS, o PSOE perdeu un ou dous puntos nestas dúas semanas, pois na primeira enquisa contaba cun apoio de entre o 32,8% e o 35,2% e agora está entre o 31,6 e o 33,2%. Hai cinco anos os socialistas gañaron as eleccións europeas con 32,86% das papeletas.

Pola contra, o PP sobe dez puntos desde o 20,15% das europeas de 2019 e tamén creceu medio punto con relación á primeira enquisa, pois pasou dunha estimación de 27,9% a 30,2% a outra de 28,3% a 30,5%. É dicir, a vantaxe do PSOE viuse recortada desde os cinco puntos de mediados de maio até os tres puntos da actualidade.

Esta segunda enquisa preelectoral non achega asignación de escanos, pero todo apunta a que os dous grandes partidos poderían estar perto do empate. Se hai quince días o PSOE sacaba entre tres e catro deputados ao PP cos seus cinco puntos de vantaxe (21-24 fronte a 18-20 dos 'populares'), agora, con só tres, habendo máis apoio ao PP e menos ao PSOE, a repartición de escanos estaría máis axustada.

Tamén sobe Vox, que se consolida na terceira praza. Se hai quince días estaba entre o 8,6% e o 10,1%, nesta nova enquisa subiu a unha pinza de 9,9% a 11%, co que debería estar por encima dos cinco ou seis escanos que se lle atribuían a mediados de maio. Hai cinco anos Vox estreouse en Estrasburgo cun 6,21%. En cuarta posición aparece Sumar, cunha estimación de voto de entre 5,4% e 7,1%, similar á de dúas semanas antes, cando o CIS lles daba catro deputados.

E a sorpresa dáa a agrupación de electores Se Acabó La Fiesta que lidera o comunicador de ultradereita Luis Alvise Pérez Fernández, un dos promotores das manifestacións contra o PSOE en Ferraz, que agora sobe até a contorna do 5% (4,9-5,7%), o dobre do que o CIS lle concedía hai 15 días, con entre un e dous escanos —agora poderían ser até tres—.

Esa nova lista supera a coalición Agora Repúblicas (3,7-4,1%) e tamén a lista de Podemos que encabeza a ex ministra Irene Montero, a que se lle atribúe un respaldo de entre 3,6% e 3,9%. O resto de formacións non chega nin ao 2%: Junts queda nun 1,5% ou 1,6%; a coalición CEUS, do PNV e CC, está entre o 1,0% e o 1,3%, e podería quedar fóra do Parlamento Europeo, e Cidadáns, que foi o terceiro partido do Estado nas anteriores europeas, cae até entre 0,7% e 1,2%, a metade do que se lle calculaba hai quince días.

O CIS non menciona nin Izquierda Española, nin Pacma, nin Partido Galego nin a coalición Existe —dos partidos locais da 'España Baleirada'—, e só recolle un epígrafe 'Outros partidos', ao que asigna entre 2,8% e 3,3%.

Entre 20% e 30% de indecisas

Iso si, na enquisa vese que un terzo das persoas enquisadas aínda dubida a quen votar, un 31%, fronte ao 66,7% que xa o ten claro. E ante a pregunta directa de a quen votarían se mañá mesmo fosen as eleccións, un 19,2% asegura que non o sabe e outro 4,3% prefire non contestar.

En canto á valoración de líderes, a vicepresidenta terceira do Goberno español e candidata socialista, Teresa Ribera, lidera todas as clasificacións: é a mellor puntuada e a única que aproba (5,20 puntos de nota media), e é a que se ve mellor preparada e que inspira máis confianza, con 28% das respostas, fronte a unha media de 19% e unha nota de 4,47 puntos da ex ministra Dolors Montserrat, cabeza de lista do PP. Os peor valorados son os cabezas de lista de Junts, Toni Comín, e de ERC, Diana Riba, con 2,35 e 2,66 puntos, respectivamente. Alvise supéraos cunha nota media de 3,11.

Comentarios