A cruenta ofensiva israelí sobre Rafah eleva por riba de 36.200 as mortes en Gaza

O Exército de Israel recoñece o ataque a unha ambulancia da Media Lúa Vermella que acabou coa vida dos dous paramédicos que viaxaban no interior.
O campamento de refuxiados de Rafah atacado por Israel. (Foto: Khaled Omar / Xinhua News / ContactoPhoto vía Europa Press)
photo_camera O campamento de refuxiados de Rafah atacado por Israel. (Foto: Khaled Omar / Xinhua News / ContactoPhoto vía Europa Press)

Xa son máis de 36.200 as vítimas mortais que deixou, desde o pasado 7 de outubro, a inédita e cruenta ofensiva de Israel sobre Gaza. Segundo fontes do Ministerio de Saúde da Faixa, nas últimas 24 horas foron asasinadas outras 53 persoas, elevando o cómputo global a 36.224, alén de até 81.777 feridas de diversa consideración desde o inicio do conflito. Ademais, outras 10.000 palestinas e palestinos fican en paradoiro descoñecido, polo que se teme que a cifra de falecidos sexa moito maior.

Israel gábase de atacar na última xornada "máis de 50 obxectivos" supostamente vinculados a Hamás, se ben un dos albos foi unha ambulancia da Media Lúa Vermella, tal e como recoñeceu o propio Exército. Un tanque abriu fogo esta pasada noite por percibilo como un "vehículo sospeitoso" e acabou coa vida de dous paramédicos, Haitham Tubasi e Suhail Hassouna, que viaxaban no seu interior.

A oenegué acusou Israel de perpetrar un ataque "deliberado", pois a ambulancia estaba debidamente identificada co distintivo da Media Lúa. Nos últimos meses foron asasinados 19 dos seus traballadores, así como varias decenas máis doutras organizacións humanitarias que están a prestar apoio aos milleiros de persoas que tentan refuxiarse dos bombardeos dentro da ratoeira na que se converteu primeiro o norte da Faixa e agora a cidade fronteiriza de Rafah, que Israel porfía en tomar pola forza.

Ataque en Damasco

Por outra parte, as autoridades iranianas aseguraron esta quinta feira que o Goberno de Benjamin Netanyahu utilizou o bombardeo sobre o Consulado de Irán en Damasco (Siria) como 'moeda de cambio': se o país persa renunciaba a responder ao ataque contra o seu propio persoal diplomático, Israel comprometíase a "alcanzar un acordo na guerra" de Gaza. Porén, sinalou o comandante Amirali Hayizadé, a operación foi "un erro de cálculo" israelí, pois Irán si respondeu cun ataque con drons e mísiles.

Comentarios