Denuncia de fraude nas eleccións do Chad tras gañar Déby nas presidenciais e consolidarse após o golpe de 2021

O principal aliado francés na rexión tería superado 60% dos sufraxios.
O presidente do Chad, Mahamat Idriss Déby, co seu homólogo francés, Emmanuel Macron, o pasado ano. (Foto: Julien Mattia / Europa Press / Contacto)
photo_camera O presidente do Chad, Mahamat Idriss Déby, co seu homólogo francés, Emmanuel Macron, o pasado ano. (Foto: Julien Mattia / Europa Press / Contacto)

A Axencia Nacional de Xestión das Eleccións do Chad proclamou o xeneral Mahamat Idriss Déby como vencedor dos comicios presidenciais da pasada segunda feira con 61% dos sufraxios, nunha xornada electoral con 75,8% de participación, recolleron a sexta feira medios internacionais.

Déby encabezou un golpe de Estado militar en 2021 tras a morte do seu pai, Idriss Déby, que se desempeñou como presidente entre 1990 e ese ano.

Con posterioridade, impulsou unha nova Constitución, aprobada por referendo en decembro do pasado ano, despois do que o Movemento Patriótico de Salvación, unha forza atrapaotodo fundada polo seu pai, nomeouno como candidato.

Poucas semanas antes das votacións, o seu principal opoñente, Yaya Dillo Djerou (Partido Socialista Sen Fronteiras), tamén o seu curmán, foi asasinado nunha operación militar. O Goberno sostén que tratou de evitar o arresto a tiros.

O seu primeiro ministro, Succès Masra, da progresista e panafricana Os Transformadores, quedou en segundo lugar con 18,5% dos votos, e denunciou unha fraude, convocando en paralelo protestas.

Horas antes de facerse públicos os resultados, Masra defendeu que se impuxo nas eleccións e que Idriss Déby pretendía “roubar ao pobo a súa vitoria”.

En terceiro lugar quedou o tamén progresista Albert Pahimi Padacké (Reagrupación Nacional dos Demócratas Chadianos) con 16,9% das papeletas, que aceptou os resultados.

Tras a expulsión dos soldados franceses de Níxer, Burkina Faso e Malí, o Chad é o último grande aliado do antigo colonizador na rexión do Sahel, algo que se estende desde a chegada ao poder do pai do actual mandatario.

Comentarios