Xustiza

Un xulgado de Badaxoz abre dilixencias de investigación contra o irmán de Pedro Sánchez

O caso parte dunha nova denuncia de Manos Limpias.
O presidente español, Pedro Sánchez (centro), a cuarta feira, antes de suspender a súa axenda. (Foto: Jesús Hellín / Europa Press)
photo_camera O presidente español, Pedro Sánchez no Congreso. (Foto: Jesús Hellín / Europa Press)

O Xulgado de Instrución número 3 de Badaxoz vén de abrir dilixencias de investigación contra o irmán de Pedro Sánchez —presidente do Goberno español—, David Sánchez Pérez-Castejón; o presidente da Deputación de Badaxoz, Miguel Ángel Gallardo, e mais o responsábel de Recursos Humanos desta institución.

Unhas dilixencias de investigación que o xulgado abriu polos presuntos delitos contra a Administración Pública, a Facenda Pública, malversación, prevaricación e tráfico de influencias, segundo informaron fontes do Tribunal Superior de Xustiza de Estremadura esta segunda feira.

Este auto xa se notificou ás partes e agora acordouse a práctica de probas, entre elas a remisión do contrato do irmán de Pedro Sánchez, coñecido como David Azagra, que actualmente é coordinador do programa 'Opera Joven' da Deputación de Badaxoz.

Estas dilixencias de investigación ábrense tras a presentación dunha nova denuncia pola organización Manos Limpias, a finais de maio, contra David Sánchez e Gallardo por malversación. O mesmo colectivo levou a muller de Sánchez, Begoña Gómez, aos tribunais por unha serie de presuntos delitos que baseou, en boa parte, en noticias publicadas en medios de comunicación.

Comentarios