Eleccións Europeas 9-X

O PP gaña por dous escanos ao PSOE; Agora Repúblicas, con tres, garante a acta de Ana Miranda

O PP obtén 22 escanos e o PSOE fica finalmente segundo con 20, seguido de Vox, con 6; Agora Repúblicas, Sumar e Se Acabó La Fiesta, con 3 cada un; Podemos, con 2, e Junts e CEUS, con 1.

Resultados das eleccións europeas no Estado español.
photo_camera Resultados das eleccións europeas no Estado español.

O Partido Popular foi a forza máis votada na circunscrición do Estado español nestas eleccións ao Parlamento Europeo, pasando dos 12 escanos (13 após o Brexit) que obtivo en 2019 a 22. Recibe 5.959.648 votos (34,2%) fronte aos 4.519.205 de 2019 (20,15%).

O PP ontén así catro puntos máis que os recolleitos polo Partido Socialista nuns comicios nos que a recta final da campaña facía presaxiar un empate técnico entre ambas as formacións.

O PSOE logrou este domingo  20 escanos (o memso que en 2019, aínda que despois do Brexit subira a 21) e recibiu 5.258.182 votos (7.369.789 en 2019). Fica así con 30,17% do voto (fronte ao 32,86% de 2019).

Á terceira praza ascende o ultradereitista Vox, con 9,62% dos sufraxios (6,21% hai cinco anos) e 6 escanos (tivera 3 en 2019 e chegara aos 4 co Brexit). A Vox saíulle nestas eleccións un novo competidor no seu espazo político-ideolóxico: Se Acabó La Fiesta, a plataforma impulsada polo comunicador de extrema dereita Alvise Pérez, que irrompe na Eurocámara cun 4,58% e 3 actas.

Agora Repúblicas, a coalición de BNG, ERC, Bildu e Ara Més colleita no Estado un 4,91% de apoio e 3 escanos. En 2019 obtivo 5,6% de voto e 3 actas na Eurocámara. Recibe 856.428 votos, por baixo dos 1.252.139 de 2019 debido á redución de apoio a ERC en Catalunya. A galega Ana Miranda, número 3 da coalición, logra esta noite acta e será eurodeputada durante os próximos cinco anos.

Sumar obtivo este domingo 3 escanos e 4,65% de apoio. Podemos baixa dos 6 escanos e de 10,1% de votos a 2 escanos e 3,28% de apoio electoral.

Junts, con 443.692 votos e 2,54% de apoio (1.018.435 e 4,54% de apoio hai cinco anos) consegue 1 escano (2 obtivera en 2019, 3 após o Brexit. 

CEUS (PNV e Coalición Canaria) logran 1 escano, o mesmo que obtiveran nos anteriores comicions, ontendo 280.941 sufraxios e 1,61% do voto fronte aos 633.090 e 2,82% de hai cinco anos.

Votaron nestas eleccións no Estado español 17.549.160 persoas (49,22%) fronte ao 60,72% de hai cinco anos.

Comentarios