As enquisas sinalan un incremento de apoios ao Sinn Féin tras a detención de Gerry Adams

O partido republicano superaría o 20% dos votos e obtería representación en todas as circunscrición da illa, nas 3 da República e na do 'Ulster'. Entre os políticos irlandeses, Adams é o que mellores valoracións recebe.

Sinn fein irlanda

A detención pola Policía norirlandesa durante 4 días de Gerry Adams para ser interrogado por unha acción do IRA de 1972 non afecta ao seu partido, o Sinn Féin, na súa carreira electoral para as europeas. Mais ben o contrario. Enquisas e sondaxes indican que o SF segue a subir en intención de voto na República de Irlanda e que sexa a primeira forza (algo impensábel hai un lustro) pode ser unha realidade o 25 de maio. Nos 6 condados sob soberanía británica (Ulster) é a segunda forza.

A mediática detención de Adams provocou que desde o republicanismo irlandés se advertirse de que había moitos nervios (en Londres e Dublin) após as sondaxes que apuntaban a un alza importante do SF. As novas enquisas (feitas despois do arresto de Gerry Adams) indican que o Sinn Féinn non vai ver unha mingua de apoios, mais ben o contrario.

Primeira forza da illa

O xornal 'The Irish Sun' dalle ao partido soberanista un 20% dos votos, o que supón 10 puntos máis que os que obtiveron nos comicios xerais de 2011, e un 2% superior ao que as propias enquisas daban aos republicanos a principios do mes de maio. Obterían 3 escanos no Europarlamento pola República de Irlanda, un por cada circunscrición. Na do Ulster dase por seguro que obterán un deputado.

Outra sondaxe, esta do Isrish Time, outórgalle ao SF un apoio nas urnas do 23%, un aumento do 2% a respecto da anterior enquisa deste xornal irlandés. O centenario partido independentista irlandés pasaría ser a primeira forza na Illa.

Comentarios