Os Estados Unidos lanzaron unha campaña antivacinas durante a pandemia en Asia

O Exército buscaba frear a influencia chinesa na rexión.
Vacina contra a Covid Sinovac. (Foto: Fathin Suhaira Abd Rahim / BERNAMA / DPA vía Europa Press)
photo_camera Vacina contra a Covid Sinovac. (Foto: Fathin Suhaira Abd Rahim / BERNAMA / DPA vía Europa Press)

Unha “táctica indefendíbel” e que “puxo en risco vidas inocentes”, así cualificaron persoas expertas en saúde citadas a sexta feira pola axencia Reuters a revelación do medio de que as Forzas Armadas estadounidenses puxeron en marcha no medio da pandemia de Covid-19 unha campaña secreta para “sementar dúbidas sobre a seguridade e eficacia das vacinas e outras axudas vitais que estaba a subministrar a China” a Filipinas, un Estado “especialmente afectado”, con máis de 66.000 falecementos.

Foron identificadas cando menos 300 contas falsas en redes sociais que se facían pasar por filipinas e filipinos que supostamente criticaban desde a calidade das máscaras até a primeira vacina dispoñíbel no país insular, a chinesa Sinovac.

A campaña, lanzada polos militares ao temer que “a diplomacia e propaganda da China en materia de Covid puidese achegar outros países” da rexión, estendeuse desde a primavera de 2020 até mediados de 2021, tempo no que se ampliou “máis alá do sueste asiático” e atacando outros compostos contra a doenza tanto con Donald Trump na Presidencia dos Estados Unidos como tras a chegada de Joe Biden.

Filipinas padeceu a peor taxa de mortalidade da rexión, vinculada cunha baixa taxa de vacinación que levou a Rodrigo Duterte, presidente naquela altura, a soster que “ti elixes, vacínate ou fareite encarcerar”, recoñecendo que “estou exasperado posto que os filipinos non fan caso ao Goberno”.

“Estou segura de que hai moitas persoas que morreron de Covid que non tiñan que morrer”, subliñou a ex responsábel de Saúde de Filipinas Esperanza Cabral, e o ex presidente do Consello Nacional de Intelixencia dos Estados Unidos Greg Treverton afirmou que “debería ter sido da nosa interese levar a maior cantidade posíbel de vacinas aos brazos da xente”.

Expansión polo continente

Os militares tamén adaptaron a campaña para desenvolvela en Asia Central e Occidental, difundindo que as vacinas contiñan xelatina de porco, polo que estaría prohibida para persoas musulmás, algo que as autoridades relixiosas islámicas desbotaron, asegurando que incluso se fose certo estaban permitidas ao usarse para salvar vidas.

Un voceiro do Departamento de Defensa estadounidense insistiu ao ser inquirido ao respecto que a China lanzara unha “campaña de desinformación para culpar falsamente os Estados Unidos pola propagación da Covid-19”. Porén, Washington intentou ao tempo responsabilizar reiteradamente Beijing pola pandemia.

Comentarios