Europa, de novo en guerra 80 anos despois do 'Día D'

Francia e o Reino Unido lembran o desembarco de Normandía.
Rishi Sunak, na parte inferior da foto, intervindo no acto de onte. (Foto:Europa Press).
photo_camera Rishi Sunak, na parte inferior da foto, intervindo no acto desta cuarta feira. (Foto: Europa Press).

O 6 de xuño de 1944 ficou para sempre na historia como o Día D. Nesa xornada, tropas de diversas nacionalidades, maiormente británicas e estadounidenses, desembarcaban nas praias francesas de Normandía para abrir a segunda fronte contra as potencias fascistas, nun momento en que a súa derrota era xa unha certeza tras a vitoria da Unión Soviética na batalla de Stalingrado de 1943, que deu paso a un avance sostido dos seus exércitos polo leste de Europa.

Emmanuel Macron

O Reino Unido e Francia adiantáronse esta cuarta feira á conmemoración do 80 aniversario con diversos actos. No primeiro deles, o presidente francés, Emmanuel Macron, sinalou que "a medida que aumentan os perigos (...) lembrádesnos que estamos preparados para facer os mesmos sacrificios para defender o que para nós é o máis querido: a nosa terra de Francia e os nosos valores republicanos". 

O monarca británico, Carlos III, nun acto desenvolvido na cidade portuaria inglesa de Portsmouth, afirmou que "as historias de coraxe, resiliencia e solidariedade que escoitamos hoxe e ao longo das nosas vidas non poden deixar de conmovernos, inspirarnos e lembrarnos o que lle debemos a esa gran xeración de tempos de guerra".

Carlos III

Carlos III asegurou que "é o noso deber asegurar que nós e as xeracións futuras non esquezamos o seu servizo e o seu sacrificio ao substituír a tiranía pola liberdade". Na mesma orientación, o primeiro ministro do Reino Unido, Rishi Sunak, apuntou que "debemos dedicarnos novamente á causa moral pola que loitaron e morreron hai 80 anos: a causa da liberdade e a democracia".

As palabras destes mandatarios explícanse no marco do conflito aberto no leste de Europa entre Rusia e Ucraína, apoiada pola OTAN. Precisamente, dentro da organización militar, Francia e o Reino Unido manteñen a posición máis belixerante contra Rusia, apostando por enviar tropas á zona de combate.

Comentarios