Manuel Otero, o único galego morto no desembarco de Normandía

Este veciño de Outes emigrou aos Estados Unidos após o golpe de Estado fascista de Franco e alistouse voluntario no Exército para conseguir a nacionalidade, pero tres días despois Xapón bombardeou Pearl Harbour e ficou inmerso na II Guerra Mundial.
Manuel Otero. (Foto: The Royal Green Jackets)
photo_camera Manuel Otero. (Foto: The Royal Green Jackets)

O cemiterio do Freixo de Sabardes, no municipio de Outes (comarca de Noia), será o escenario esta quinta feira dunha homenaxe a Manuel Otero Martínez, o único galego morto no desembarco de Normandía, o famoso 'Día D' da II Guerra Mundial. Otero, nado en abril de 1916, emigrou aos Estados Unidos após o golpe de Estado fascista e que se enrolou no Exército norteamericano para conseguir a nacionalidade só tres días antes do ataque xaponés á base de Pearl Harbour.

O tributo está organizado pola Asociación Histórico Cultural 'The Royal Green Jackets', que recuperou do esquecemento hai unha década a historia de Manuel Otero, cuxo nome figura nun monólito erixido na praia de Omaha que o recoñece como o único cidadán procedente do Estado español falecido en Normandía. A investigación iniciouse no ano 2013, cando unha sobriña de Otero entrou en contacto co Museo Militar da Coruña para pedir información sobre o seu tío, de quen aseguraba que falecera o 'Día D' como membro do Exército estadounidense.

Otero viuse sorprendido polo golpe de Estado fascista e o estalido da guerra civil española en Santander, onde traballaba como mecánico da Mariña mercante. Combateu no bando republicano mentres a súa familia, na Galiza, permaneceu baixo control das tropas fascistas. Sobreviviu aos anos da guerra e participou en batallas chave como a de Brunete (Madrid). Finalmente caeu prisioneiro e foi encarcerado en Barcelona.

A súa familia tirou de influencias no bando vencedor e lograron sacalo de prisión. Pero ao volver, a guerra cambiara o pobo e el nunca deixou de estar sinalado por algúns veciños. Por iso decidiu empezar unha vida nova e cruzar o Océano Atlántico para 'facer as Américas', do mesmo modo que tantos emigrantes galegos. Marchou aos Estados Unidos e fixou a súa residencia en Nova York.

Así o acreditan os diarios que ía escribindo a súa nai a partir das cartas que recibía do fillo emigrante. Lograra estabelecer un negocio en Nova York e empezaba a facer cartos. Pero Otero tomou unha decisión que ao cabo significaría o seu final: para conseguir a nacionalidade estadounidense, alistouse de forma voluntaria no Exército, pois con apenas seis meses de estancia lograba ser cidadán americano. A mala sorte volveuse a cruzar na vida deste galego cando tan só tres días despois Xapón perpetrou o bombardeo sobre Pearl Harbour, o que provocou que Estados Unidos entrase na II Guerra Mundial xunto ao bando aliado. Era o ano 1941.

Manuel Otero foi enviado dos campamentos de instrución dos Estados Unidos a Europa. "Practicamente estivo un ano facendo todos os adestramentos do desembarco, que era unha operación secreta", relatou en 2013 a Europa Press Manuel Areas, presidente da Asociación de Amigos do Museo Militar da Coruña e a Asociación Histórico Cultural 'The Royal Green Jackets'.

Desembarcou na Big Red One, unha División de infantaría, onde foi encadrado no 16 Rexemento, destinado a desembarcar na Praia de Omaha, no sector G. Foi dos primeiros que embarcaron, ao redor das 6 horas da mañá e, como na oscarizada película Salvar o soldado Ryan, Otero tamén chegou a bordo dunha barcaza. A marea estaba moi baixa nese momento e era moita a distancia a percorrer até o primeiro refuxio. A diferenza doutras praias, o mariscal alemán Erwin Rommel preparara boas defensas en Omaha. Había minas, obstáculos, gran cantidade de bunkers... A unidade de Otero foi decimada practicamente entre 60 e 70% só na area desa praia, entre eles o propio Otero.

A súa familia custodiou en silencio durante 70 anos todos os recordos de Manuel Otero, como os documentos que acreditan a concesión da Medalla coa Cruz Púrpura, que ten a súa única irmá viva residente en Como (Italia). Tamén na súa vila natal, Outes, os seus familiares gardan o arcón no que mandaron o féretro cos seus restos mortais. Foi o achado deste arcón en perfectas condicións o que convenceu Areas e outros dous socios da Asociación Histórico Cultural 'The Royal Green Jackets', que foron velo persoalmente. Tamén lles mostraron a tumba na que figura a data da súa morte: 6 de xuño de 1944. Coñecido pola Historia como 'Día D'.

"Atopamos un arcón de madeira recuberto forrado de zinc coas típicas letras americanas de molde. Puña en inglés o nome 'Manuel Otero' e o número de serie, que é como a matrícula do soldado, onde di a Unidade, o Rexemento, o Batallón... é o que levan nas placas no pescozo. Puña tamén o enderezo de Serra de Outes e o nome do seu pai como destinatario", conta Areas. A partir do número de serie, os historiadores da asociación consultaron arquivos americanos e atoparon a folla de recrutamento de Otero para logo desenvolver toda a investigación.

Arredor do enterro definitivo na Galiza produciuse outro feito insólito. Após a súa morte, foi enterrado no cemiterio de San Lorenzo de Normandía, xunto a outros 6.000 soldados. Pero o pai de Manuel Otero comezou a facer xestións coa embaixada e o Consulado americano na Galiza para recuperar os restos do seu fillo. Pasaron varios anos até que se produciu o traslado e puido ser enterrado no cemiterio da parroquia de Outes.

O paradoxal é que o párroco, no certificado de defunción, cita unha posdata onde di que "foi enterrado por soldados do Exército norteamericano con todas as honras. Data: 18 de setembro de 1948". "Nesa época Franco permitiría vir soldados de uniforme para facer o enterro?", pregúntase Areas, quen advirte de que non hai rastro do suceso na prensa da época.

Con todo, o propio Areas narra que unha muller da vila que cando sucedeu aquilo apenas tiña nove anos di lembrar aquel enterro e especialmente como á persoa falecida se lle dera sepultura cunha bandeira vermella e branca que ela non coñecía, ademais duns militares que falaban "dunha forma estraña" e que acompañaban o féretro. "É dicir, que compañeiros seus deberon vir ao enterro da Coruña", conclúe Areas.

"É un personaxe esquecido durante 70 anos e a súa historia merece que sexa coñecida en todo o Estado español. Tivo mala sorte en todos os sentidos, era un mozo que tiña o soño de prosperar, o soño do emigrante galego. É o único galego e o único español. Miramos todas as listaxes de falecidos do Exército americano e había portorriqueños ou mexicanos, pero o único que figura como español era Manuel Otero e morreu un día como hoxe hai 70 anos", resolve.

Comentarios