O Executivo da UE, en contra dun alto o fogo na guerra de Ucraína

A oposición do bloque comunitario ao cesamento das hostilidades en Ucraína choca coas iniciativas de paz chinesas ou africanas, ao tempo que Bruxelas pide aumentar o envío de armamento.
Ursula von der Leyen a cuarta feira. (Foto: Jakub Kotian / Tasr / DPA)
photo_camera Ursula von der Leyen a cuarta feira. (Foto: Jakub Kotian / Tasr / DPA)

Ursula von der Leyen, presidenta da Comisión Europea, o órgano executivo da Unión Europea, amosou a cuarta feira a súa oposición a un alto o fogo na guerra en Ucraína, esgrimindo que sería "inestábel e desestabilizaría a rexión", ademais de que "ninguén investiría nin reconstruiría" Ucraína "e o conflito podería estalar de novo en calquera momento".

Nesa liña, reclamou máis envíos de armamento a Kíiv, en contra do cesamento de hostilidades que buscan as iniciativas de paz da China, o Brasil ou os países africanos como primeiro paso para unhas negociacións de paz e tras difundirse que países do bloque comunitario comezan a valorar a posibilidade dun alto o fogo.

Despois do ataque con drones da terza feira en Moscova, no que dúas persoas foron feridas tras os danos superficiais en edificios residenciais, Karine Jean-Pierre, voceira da Casa Branca, salientou que “imos recoller información e ver exactamente que acontece, mais non apoiamos ataques dentro de Rusia”, insistindo en que é a mesma postura que reiterou “unha e outra vez nos últimos meses”.

O Kremlin e os medios especializados atribúen o ataque á capital rusa aos militares ucraínos, o que Kíiv nega, mais a Intelixencia de Washington xa deixara claro que o Exército de Ucraína estivo detrás do intento de asasinato contra o presidente ruso, Vladimir Putin, a comezos de maio, tamén en Moscova, do asasinato de xornalistas rusos con bombas ou das incursións nas rexións rusas fronteirizas con Ucraína, trasladando a incomodidade do país coas accións do seu aliado, que depende das entregas de armamento da alianza militar liderada polos Estados Unidos, a Organización do Tratado do Atlántico Norte (OTAN), que xa lle remitiu máis de 70.000 millóns de euros en armas.

No plano militar as autoridades rusas comunicaron que destruíron o derradeiro buque de guerra ucraíno, estacionado no porto de Odesa, e informaron de ataques con drones ucraínos contra refinarías de petróleo na rexión de Krasnodar e de ataques de artillaría na de Belgorod.

Amais, en Luhansk cinco persoas morreron a raíz dun bombardeo ucraíno nunha granxa, mentres que na zona de Donetsk non controlada polas tropas rusas as autoridades de Kíiv denunciaron o falecemento dunha persoa en bombardeos rusos que terían danado vivendas e instalacións médicas.

Suecia na OTAN

Aliás, o secretario xeral da OTAN, Jens Stoltenberg, reiterou que a entrada de Suecia na alianza militar é “absolutamente posíbel” de cara á cimeira de xullo en Lituania, na liña das declaracións do secretario de Estado de Washington, Antony Blinken.

Comentarios