Exipto será a sede a finais de xuño dunha cimeira para intentar pór fin á guerra no Sudán

Arredor de 30.000 persoas morreron na terceira guerra civil sudanesa.
Un voluntario prepara comida para as persoas desprazadas no Sudán. (Foto: Europa Press / Contacto / Mohamed Khidir)
photo_camera Un voluntario prepara comida para as persoas desprazadas no Sudán. (Foto: Europa Press / Contacto / Mohamed Khidir)

O mes que vén Exipto organizará unha cimeira con “todas as forzas políticas civís” do Sudán, canda os “socios rexionais e internacionais”, para intentar alcanzar un acordo de paz que poña fin á guerra civil que deu inicio hai máis dun ano, e que enfronta o Exército cos paramilitares das Forzas de Apoio Rápido, informaron a cuarta feira medios exipcios citando o Ministerio de Exteriores.

O organismo non especificou aínda a data, mais alá de sinalar que decorrerá a “finais de xuño”, nin se está prevista a participación de representantes dos militares ou dos paramilitares.

Un asunto "puramente sudanés"

En todo caso, incidiu en que se trata dun “tema puramente sudanés”, polo que aspira a un pacto “sobre os medios para construír a paz integral e duradeira no Sudán” cun “diálogo nacional”.

O Sindicato de Médicos do Sudán estimou que arredor de 30.000 persoas morreron desde o inicio do conflito bélico, no contexto do que máis de 70.000 persoas resultaron feridas, ao tempo que a fame se expandiu até afectar 18 millóns de persoas, recollen os datos da Organización das Nacións Unidas (ONU), e 8,6 millóns de persoas tiveron que fuxir das súas vivendas.

Combates en Darfur

Na última semana, rexistrouse unha repunta dos combates en Darfur. Médicos Sen Fronteiras advertiu que “estamos asistindo a un baño de sangue en El Fasher”, a capital da rexión de Darfur Norte, cos hospitais no medio dos choques, “o que dificulta cada vez máis a atención aos feridos”.

Até o de agora, fracasaron distintos intentos de impulsar conversas de paz entre as partes, como os desenvoltos polo propio Exipto, Arabia Saudita ou a Unión Africana.

Comentarios