As forzas rusas avanzan en Khárkiv e consolidan unha nova fronte na guerra de Ucraína

Ucraína asinará con España un acordo de seguridade seguindo a liña doutros membros da OTAN.
Volodimir Zelenski, líder ucraíno. (Foto: Presidencia de Ucraína / Europa Press / Contacto)
photo_camera Volodimir Zelenski, líder ucraíno. (Foto: Presidencia de Ucraína / Europa Press / Contacto)

Os soldados rusos fixéronse co control de 200 km cadrados na rexión de Khárkiv, ratificaron a segunda feira medios especializados en conflitos bélicos, facéndose con arredor dunha ducia de asentamentos desde o comezo das operacións ofensivas no norte ucraíno a pasada sexta feira e abrindo unha nova fronte de guerra.

O comandante dunha unidade militar ucraína na zona, Denys Yaroslavskyi, sinalou que “non había unha primeira liña de defensa”, polo que “os rusos simplemente entraron”.

Volodimir Zelenski, o presidente ucraíno, recoñeceu as batallas na zona, indicando que a situación en Donetsk, onde as tropas rusas avanzaron nos últimos meses, “non é menos grave”, e transcendeu que foi substituído o comandante ucraíno ao cargo das operacións militares en Khárkiv.

O pro occidental Instituto para o Estudo da Guerra afirmou que Rusia logrou “avances tacticamente significativos”, apuntando que as operacións de Moscova suxiren que trata de crear unha zona de amortecemento para frear os ataques ucraínos contra Belgorod, unha cidade rusa perto da fronteira, o que xa demandara o mandatario ruso, Vladimir Putin.

As autoridades locais de Belgorod denunciaron onte que 19 civís morreron nos bombardeos ucraínos contra a urbe, dirixidos a edificios residenciais. Ademais, prevese unha visita inminente de Zelenski ao Estado español, co que asinará un acordo de seguridade bilateral en liña cos rubricados con outros membros da Organización do Tratado do Atlántico Norte (OTAN), que ofreceron a Kíiv estes pactos logo de rexeitar a entrada de Ucraína na alianza militar controlada polos 
Estados Unidos.

Un ano máis sen aranceis aos produtos ucraínos

Ao tempo, o Consello da Unión Europea (UE) deu luz verde á aprobación definitiva da prórroga dun ano á suspensión de aranceis aos produtos ucraínos, que inclúe a posibilidade de paralizar o comercio dalgunhas mercadorías de dispararse a súa importación após as protestas das e dos labregos do bloque comunitario.

Horas antes, Polonia fixo pública a suspensión das conversas con Ucraína arredor da cuestión agraria, despois de que levaran á finalización das protestas das entidades do sector. “Non imos negociar con xente que ten cargos por corrupción”, subliñou Michal Kolodziejczak, viceministro de Agricultura, logo de ser acusados de corrupción por Kíiv varios membros da delegación ucraína.

Comentarios