Forzas ucraínas matan 3 rebeldes, feren 13 e deteñen 63 na cidade de Mariupol

É o incidente máis grave desde que Kiev iniciase a operación militar no leste do país. EUA advirte a Rusia con ''máis sancións''.

Donetsk ucraina

Arsen Avakov, ministro do Interior ucraíno, confirmou que a Garda Nacional matara tres rebeldes, ferira outros13 e detivo 63 na cidade de Mariupol, no leste de Ucraína. A versión do Ministerio é que 300 ''terroristas'' (como Kiev define os alzados) atacaron unha comisaría con cócteles molotov polo que a Garda Nacional tivo que responder.

É o incidente máis grave desde que Kiev comezase a operación no leste do país. Unha ofensiva que foi freada polos rebeldes sen moita dificultade na maioría das cidades. De feito, o exército ucraíno só tomou un aeródromo en Kramatorsk. A única praza 'conquistada'. Mais perdeu media ducia de blindados, que pasaron a mans dos pro-rusos.

Mentres, a OTAN anuncia que vai aumentar os seus efectivos na zona de Europa Oriental e Estados Unidos ameaza con novas sancións a Rusia. Moscova alertou de que Ucraína está á beira dunha guerra civil e desde a Unión Europea insisten en que o goberno de Kiev (saído de 'Maidan' e coa participación de elementos neo-nazis) é lexítimo. A ONU limitouse a dicir que non enviará cascos azuis ao leste ucraíno.

Comentarios