Fracasa o intento de golpe de estado militar en Bolivia

Unha vez retiradas as tropas, Luís Arce saíu ao balcón presidencial e fronte a unha multitude deu as grazas aos cidadáns que se mobilizaron para frear o golpe. "Con vostedes, co pobo, nunca nos imos a render. Ninguén nos pode quitar a democracia que gañamos nas urnas e co sangue do pobo boliviano", afirmou o presidente.

bolivia 2
photo_camera O presidente e membros do Goberno após o fracaso do golpe (Foto: Radoslaw Czajkowski / dpa / Europa Press)

Fracasou o intento de golpe de estado en Bolivia protagonizado por unha parte do exército. Soldados e vehículos militares tomaron por unhas horas o control da Praza Murillo da capital de Bolicia, A Paz, e accederon ao Palacio Quemado, a antiga sede do Goberno, encabezados polo xeneral Juan José Zúñiga, quen esta terza feira fora destituído como xefe do Exército boliviano por unhas declaracións que realizara sobre o ex presidente Evo Morales.

Tras o inicio das accións dos militares, o presidente Luís Arce deu un discurso televisado rodeado dos membros do seu gabinete no que pediu a mobilización do pobo e dixo: "Estamos firmes para enfrontar todo intento golpista".

"Queremos exhortar a todos a que defendamos a democracia e aquí estamos na casa Grande con todo o gabinete, coas nosas organizacións sociais. Saudámolas, ás organizacións sociais, e convidámolas cordialmente a que novamente mostren a democracia ao pobo boliviano", sinalou o mandatario.

Previamente Zúñiga dixéralle á prensa que había unha "mobilización de todas as unidades militares" debido "á situación do país". "Desde hai moitos anos, unha elite fíxose cargo do país. Donos do Estado, vándalos están nas diferentes estruturas do Estado, esnaquizando a patria. As Forzas Armadas pretenden reestruturar a democracia", declarou Zúñiga, quen dixo que buscaba a liberación de "todos os presos políticos".

Imaxes en redes sociais mostraron logo a Arce dentro do palacio Quemado facendo fronte a Zúñiga e ordenando o repregamento dos militares, que accederan ao edificio forzando a porta cun vehículo blindado.

Máis tarde, nunha cerimonia televisada desde a Casa Grande do Pobo, a actual sede do goberno boliviano, Arce designou novos xefes militares, entre eles o xeneral José Wilson Sánchez, quen asumiu a comandancia xeral do Exército. Logo de xurar o cargo, o militar declarou: “Ninguén desexa ver a imaxe que estamos a ver nas rúas. É por iso que agora na miña condición de comandante… pido, ordeno, dispoño, que todo o persoal que se atopa mobilizado nas rúas debe retornar ás súas unidades”.

Mentres se realizaba este acto na sede do goberno, os membros do exército que se mobilizaron no centro da Paz comezaron a abandonar a Praza Murillo. Unha vez se retiraron as tropas, Luís Arce saíu ao balcón presidencial e fronte a unha multitude deu as grazas aos cidadáns que se mobilizaron.

"Con vostedes, co pobo, nunca nos imos a render. Ninguén nos pode quitar a democracia que gañamos nas urnas e co sangue do pobo boliviano", afirmou Arce.

Despois de que a Fiscalía Xeral de Bolivia emitise unha orde de aprehensión contra de Juan José Zúñiga, este foi detido. No momento da súa aprehensión, o militar acusou a Arce de montar o intento de golpe para "levantar a súa popularidade".

Comentarios