O Goberno español, co apoio de PSOE e Cs, formaliza o recurso ante o TC

De ser admitido a trámite, ficaría suspendido automaticamente o pleno de investidura de Puigdemont.

Soraya
photo_camera Soraya Sáenz de Santamaría e Méndez de Vigo, esta sexta feira [Foto: NacióDigital]

O Goberno español non ten o aval do Consello de Estado (órgao presidido polo galego Romay Beccaría, mentor de Feijóo), mais si o apoio de PSOE e Ciudadanos. Nesa situación Rajoy resolveu tirar para adiante e asumir o risco de ou ben ter un novo revés no Tribunal Constitucional (o que debilitaría extraordinariamente a posición do líder do PP) ou ben, no mellor dos casos para a Moncloa, dividir a máis alta instancia xudicial (ninguén agarda que vaia haber un pronunciamento unánime favorábel ao recurso).

O respaldo de PSOE e Ciudadanos (neste caso Albert Rivera advertiu, porén, que "se se equivoca [Rajoy], terá que dar explicacións) confirma a existencia dun bloco unionista monárquico a despregar a estratexia represiva como única resposta ás demandas de Catalunya.

Os argumentos xurídicos esgrimidos polo Goberno español á hora de recorrer a designación de Puigdemont para a investidura non son tidos en consideración en ambientes xurídicos minimamente independentes. En declaracións a La Vanguardia, o catedrático de Direito Constitucional da Universitat de Barcelona, Xavier Arbós, afirma: "Torrent [presidente do Parlament] está a propor alguén que non ten limitados os seus direitos políticos. Non se pode alegar que carece de direitos de deambulación. A restrición aínda non se ten producido por unha orde de busca e captura". Só un xuíz, afirma, podería estabelecer esa limitación.

En todo caso, Torrent confirmou esta sexta feira que o pleno de investidura de Puigdemont se realizará a vindeira terza feira ás 15 horas. "O plano A, B e C é Puigdemont", afirma Junts per Catalunya, mentres que José Antich, director de ElNacional.Cat, meio próximo ao soberanismo, asina un artigo intitulado "Sessió d'investidura de Puigdemont o eleccions"

Comentarios