Toque de atención ao Sinn Féin nas eleccións municipais en Irlanda: “Non foi o noso día”

No reconto provisional os republicanos van de cuarta forza, por detrás das dúas grandes formacións do bipartidismo, FF e FG, e os independentes.

A presidenta do Sinn Féin en Irlanda, Mary Lou McDonald. (Foto: Europa Press)
photo_camera A presidenta do Sinn Féin en Irlanda, Mary Lou McDonald. (Foto: Europa Press)

As autoridades electorais de Irlanda comezaron este domingo o reconto de votos dos comicios europeos, mentres avanza lentamente o reconto dos locais cos dous grandes partidos, Fine Gael (democristiano) e o centro-dereita de Fianna Fáil, na cabeza, cunha forte caída do Sinn Féin e o avance dos independentes.

A presidenta do partido republicano, Mary Lou McDonald, recoñeceu os malos resultados e dixo  “non foi o noso día”, xa que o enfado co Goberno irlandés, apuntou, beneficia os independentes, non ao Sinn Féin.

A batalla entre Fine Gael e Fianna Fáil (que cogobernan xuntos canda Os Verdes) por ser o partido máis votado nos gobernos locais segue sendo moi rifada, xa que os independentes obteñen bos resultados.

Nesta mesma liña,outro responsábel do Sinn Féin, Pearse Doherty, asegurou que a formación superará este mal resultado e tomará nota para as eleccións xerais de 2025, para as que era o gran favorito hai apenas unhas semanas. O Sinn Féin fora o máis votado nas xerais de 2020.

Con todo, o reconto apunta a que o SF pode mellorar os seus resultados a respecto de 2019, se ben serían un retroceso a respecto das xerais de 2020, cando foron os máis votados.

Os resultados definitivos das eleccións europeas e locais realizadas neste país na sexta feira non se coñecerán até dentro duns días debido ao complexo sistema de votación irlandés, de representación proporcional con transferencia de voto entre varios candidatos.

Algo máis de 3,6 millóns de persoas estaban chamadas ás urnas a sexta para elixiraos 949 membros que compoñen os 31 consellos municipais deste país, así como os 14 escanos que ten Irlanda no Parlamento Europeo.

Nas eleccións europeas están en xogo en Irlanda 14 escanos á Eurocámara, un máis que en 2019, cando se repartiron entre o Fine Gael (5), o Fianna Fáil (2), Verdes (2), Sinn Féin (1) e Independentes (3.

Comentarios