Hamás anuncia que acepta a proposta de acordo de cesamento do fogo para Gaza de Qatar e Exipto

O líder político de Hamás, Ismail Haniye, trasladou esta decisión.
Unha crianza palestina observa os cascallos no campo de refuxiados de Maghazi, no centro de Gaza (Foto: Dawood / Xinhua News vía Europa Press).
photo_camera Unha crianza palestina observa os cascallos no campo de refuxiados de Maghazi, no centro de Gaza (Foto: Dawood / Xinhua News vía Europa Press).

Apenas un par de horas despois de que a segunda feira o ministro de Defensa israelí, Yoav Gallant, acusara a organización palestina Hamás, que goberna Gaza, de rexeitar todas as propostas de alto o fogo, xustificando con iso o asalto a Rafah, onde se agrupan máis dun millón de gazatís que fuxiron das súas casas pola violencia, o líder de Hamás, Ismail Haniyeh, comunicou a Qatar e Exipto que aceptan a súa proposta para un cesamento das hostilidades na Faixa.

Haniye, trasladou esta decisión ao ministro de Asuntos Exteriores qatarí, Mohamed bin Abulrahman al Zani, e ao ministro de Intelixencia exipcio, Abbas Kamel, segundo un comunicado da organización.

A pesar das palabras do ministro do Executivo de ultradereita sionista, un funcionario israelí aprestouse a trasladar a axencia Reuters que non apoiarán a proposta, aducindo que se trata dun texto “suavizado” e que Israel non aceptará as inclusións de “grande alcance” no texto.

Amais, a Canle 12 insistiu citando funcionarios sionistas en que “esta non é a mesma proposta” de acordo que pactou Israel, reiterando que se incorporaron “todo tipo de cláusulas”. O principal conflito arredor do alto o fogo era o tocante á fin da agresión militar israelí contra Gaza, unha exixencia para Hamás e algo inaceptábel para Israel, que subliñou que a guerra continuará sexa como for.

Nas últimas xornadas, a entidade palestina apuntara que aceptaría o trato se os Estados Unidos especialmente ofrecían garantías de que suporía un alto o fogo permanente.

O entendemento, que consta de tres fases, implica o intercambio de persoas israelís detidas en Gaza desde a operación palestina do 7 de outubro por persoas palestinas presas no réxime de apartheid sionista. Hamás asegura que “a pelota está no tellado de Israel”, após obstaculizar o seu Goberno en distintas ocasións as negociacións, apostando por manter a agresión militar, que persoas expertas da Organización das Nacións Unidas (ONU) consideran un xenocidio e unha limpeza étnica.

A pasada sexta feira, Israel advertiu que se Hamás non aceptaba a proposta de alto o fogo nunha semana lanzaría o seu ataque contra Rafah. Así e todo, isto non impediu que onte reclamara a 100.000 palestinas e palestinos que se refuxiaban na cidade que marchasen antes de lanzar unha operación militar, pouco despois de asaltar a sede da canle Al Jazeera no Estado sionista, agora prohibida.

En Rafah hai 1,2 millóns de persoas desprazadas como consecuencia das accións militares do Exército de Israel que foron barrendo de norte a sur a práctica totalidade da Faixa de Gaza.

O Fondo da ONU para a Infancia (Unicef), advertiu que 600.000 crianzas refuxiadas na localidade sufrirían “riscos catastróficos” se se produce o ataque. Como mínimo 34.735 persoas foron asasinadas por Israel en Gaza desde o comezo da agresión militar en outubro contra o enclave.

Comentarios