Kenya envía o primeiro continxente con 400 axentes policiais a Haití, que aspira a frear a onda de violencia

O Consello de Seguridade da ONU aprobou unha misión internacional.
William Ruto, presidente de Kenya. (Foto: Europa Press / Contacto / POOL)
photo_camera William Ruto, presidente de Kenya. (Foto: Europa Press / Contacto / POOL)

400 axentes da Policía de Kenya partiron a segunda feira en dirección a Haití tras unha cerimonia dirixida polo presidente William Ruto, informou a axencia AP, para liderar a despregadura dun continxente internacional aprobado en outubro polo Consello de Seguridade da Organización das Nacións Unidas (ONU) co fin de axudar o Estado caribeño a recuperar o control da seguridade do país ante o avance dos 
grupos armados.

O despegue produciuse 24 horas antes da data trasladada nun primeiro momento polo Ministerio de Interior de Kenya, que prevé trasladar a Haití até 1.000 axentes.

A chegada dos equipos de seguridade foi atrasada en distintas ocasións pola situación interna tanto en Kenya como en Haití. No país africano a Xustiza suspendeu nun primeiro momento a iniciativa sostendo que era inconstitucional, e no caribeño a saída do poder do ex primeiro ministro Ariel Henry, substituído polo Consello Presidencial de Transición, demorou ao longo de varias semanas o progreso da misión.

Á vez, organizacións en defensa dos dereitos humanos insistiron en que a Policía de Kenya foi acusada en múltiples ocasións de uso excesivo da forza e execucións extraxudiciais.

Amais de Kenya, tamén Benín, as Bahamas, Bangladesh, Barbados ou Chad anunciaron que querían formar parte do continxente internacional.

O poder das bandas

Con arredor de 80% da capital, Porto Príncipe, baixo o control dos grupos armados, a poboación haitiana afronta unha grave crise humanitaria no contexto da escaseza de alimentos ou medicinas, e nos primeiros tres meses do ano arredor de 2.500 persoas morreron ou resultaron feridas pola violencia no país.

Comentarios