Os laboristas exixen a Sunak que convoque eleccións no Reino Unido tras a súa vitoria nas locais en Inglaterra

Os conservadores foron derrotados nas eleccións parciais locais.
Keir Starmer, que encabeza o Partido Laborista británico, a sexta feira. (Foto: Peter Byrne / PA Wire / DPA)
photo_camera Keir Starmer, que encabeza o Partido Laborista británico, a sexta feira. (Foto: Peter Byrne / PA Wire / DPA)

“Isto foi directamente para Rishi Sunak [primeiro ministro británico], para dicirlle que estamos fartos da súa decadencia, o seu caos e a súa división e que queremos un cambio”, remarcou a sexta feira o líder do Partido Laborista, Keir Starmer, que reclamou que se convoquen eleccións xerais após coñecerse os primeiros resultados das eleccións locais parciais da quinta feira en Inglaterra, que renovaron a composición de 107 dos 318 Concellos do territorio.

Malia que está previsto que os resultados completos sexan publicados hoxe, ao superar o escrutinio un terzo das demarcacións os laboristas contaban con máis de 350 edís, máis do dobre que conservadores e  liberais, facéndose co control de localidades que non gobernaban había décadas.

Con todo, os resultados revelan unha baixada nos lugares cunha importante poboación musulmá tras o seu apoio á agresión militar israelí contra Gaza.

En Escocia, a decisión de Kate Forbes de non presentarse ás primarias do Partido Nacional Escocés (SNP) converte John Swinney no probábel novo primeiro ministro escocés e líder do SNP.

Comentarios