Luz verde á lei de amnistía de Venezuela

A Asemblea Nacional, en mans das forzas opositoras, aprobou o proxecto lexislativo que prevé a posta en liberdade de persoas condenadas por actos de "terrorismo", "instigación ao odio" e mesmo "tráfico de drogas de menor contía".

Asemblea Nacional de Venezuela_Aporrea
photo_camera Asemblea Nacional de Venezuela [Imaxe Aporrea]

Após case oito horas de intenso debate co rexeitamento do Partido Socialista Unido de Venezuela (PSUV) foi aprobada pola Asemblea Nacional de Venezuela a Lei de Amnistía e Reconciliación Nacional. Un documento deseñado polas forzas opositoras e coa que visan sacar da prisión aos seus líderes, condenados por delitos de "terrorismo", "conspiración" e "incitación á violencia", entre outros, no marco das coñecidas como Guarimbas, mobilizacións contra o goberno bolivariano decorridas en febreiro de 2014 nas que morreron 43 persoas e máis de 800 resultaron feridas. 

A Lei abrangue todo o período de goberno bolivariano, desde 1999 

O documento sinala na súa exposición de motivos que o seu obxectivo é "pór fin á persecución e ao castigo penal a respeito de determinados delitos, coa finalidade de fechar feridas políticas ou sociais que dificultan a convivencia e crear as condicións propicias para a participación de todos os sectores nos asuntos públicos". A este respeito, serán obxecto da amnistía os "todos" os feitos puníbeis cometidos "desde o 1 de xaneiro de 1999 até a entrada en vigor da Lei". É dicir, o período da Revolución Bolivariana. 

"Instigar a delinquir" ou "causar pánico na colctividade"

Neste senso, serán amnistiados feitos que "se cometeran pola participación en manifestacións ou protestas ou en reunións que tiveran unha finalidade política" cando estes se dirixisen "a cambiar a orde institucional ou o goberno estabelecido, acompañadas ou non de accións consideradas conspirativas". Así, ficarían en liberdade persoas condenadas por "instigación á desobediencia das leis", "instigación a delinquir", "causar pánico na colectividade ou mantela en zozobra mediante a difusión de informacións falsas", "obstaculización da vía pública co obxecto de preparar o perigo dun sinistro e demais delitos" ou mesmo "asociación para delinquir". 

Ficarían en liberdade persoas condenadas por "causar pánico na colectividade ou mantela en zozobra mediante a difusión de informacións falsas"

Obxectivo: o goberno bolivariano

A lei prevé a amnistía para aqueles feitos dirixidos "contra a política xeral desenvolvida polo Poder Executivo Nacional ou outros órgaos do poder público", incluído o delito de "sabotaxe ou accións supostamente violentas contra as eleccións parlamentares do 26 de setembro", "os feitos presuntamente constitutivos dos delitos de fraude, estafa e usura vencellados á actividade privada da construción de vivendas", "as omisións, inexactitudes ou incumprimentos vencellados á obriga de presentar, dentro dun determinado prazo, a declaración xurada de patrimonio" ou "os delitos de fuga e quebrantamento de condena" para aquelas persoas que estivesen "procesadas ou condenadas pola comisión de calquera dos delitos puníbeis" contemplados pola Lei de Amnistía. 

Amnistíase a "sabotaxe ou accións supostamente violentas contra as eleccións parlamentares do 26 de setembro"

Para alén disto, tamén se contempla a excarcelación de persoas condenadas por "delito de tráfico de drogas de menor contía" sempre que se "tivesen producido en calquera tipo de reunión de manifestantes" da oposición. 

Tamén así, a lei prevé o sobreseimento daqueles procesos xudiciais en curso ou pendentes de sentenza e a posta "inmediata" en liberdade das persoas detidas. 

Maduro avanzou que non ratificará unha lei que "protexe criminais, narcotraficantes e terroristas"

Após a aprobación pola Cámara baixa venezolana o presidente da Asemblea Nacional, Henry Ramos Allup, remitiu o documento ao xefe de Estado, Nicolás Maduro para a súa ratificación. Neste senso, Maduro avanzou que non asinará o texto normativo pois, asegura, "están a aprobar unha lei para protexer a asasinos, criminais, narcotraficantes e terroristas", dixo. "Teñan a seguridade de que esta lei por aquí non pasa". 

O veto de Maduro podería ser sorteado através dunha denuncia no Tribunal Superior de Xustiza do país. Ora ben, sempre que se pronuncie de maneira favorábel ás forzas da oposición. 

Comentarios