Eleccións Europeas 9-X

Macron convoca eleccións lexislativas en Francia após o afundimento nas europeas

A Agrupación Nacional de Marine Le Pen escalaría nas europeas até a primeira praza con 31,5% dos votos e 30 escanos, segundo as últimas estimacións, mentres a lista de Macron, Necesidade de Europa, caería ao segundo posto con algo máis de 15% e 14 actas.
O presidente de Francia, Emmanuel Macron, convocou de urxencia o seu Goberno (Foto: Alexis Sciard / Contacto vía Europa Press).
photo_camera O presidente de Francia, Emmanuel Macron. (Foto: Alexis Sciard / Contacto vía Europa Press).

A forte suba da ultradereita está a provocar un auténtico terremoto político en Francia, cuxo presidente, Emmanuel Macron, vén de anunciar hai escasos minutos a disolución da Asemblea Nacional e a convocatoria de eleccións lexislativas. A Agrupación Nacional de Marine Le Pen escalaría nas europeas até a primeira praza con 31,5% dos votos e 30 escanos, segundo as últimas estimacións, mentres a lista de Macron, Necesidade de Europa, caería ao segundo posto con algo máis de 15% e 14 actas.


"Non podo facer, ao remate desta xornada, como se non pasase nada", dixo Macron, nunha rolda de prensa convocada esta tarde de urxencia após coñecer as primeiras proxeccións electorias. O presidente referiuse ao ascenso da formación de Le Pen como "un perigo para a nación [francesa] e para toda Europa".

"Hoxe os desafíos que se nos presentan, trátese dos perigos exteriores, do cambio climático e as súas consecuencias, das ameazas á nosa propia cohesión... exixen a claridade nos nosos debates, a ambición para o país e o respecto para cada francés. Por iso […], decidín volverlles dar a elección do noso porvir parlamentario por medio do voto. Disolvo esta noite a Asemblea Nacional", proseguiu.

Comentarios