As Marchas da Dignidade toman Madrid

Chegadas desde as nacións e os territorios que integran o Estado español, percorreron a distancia que separa Atocha de Colón para evidenciar que a cidadanía está farta das políticas antisociais que promulgan os distintos gobernos, nomeadamente os do PP.

marchasdignidade
photo_camera @ TxabierAlonso

Varias columnas partindo das nacións e territorios que integran o Estado español e cun mesmo destino: Madrid. Unhas Marchas da Dignidade con que denunciar as “políticas anti-obreiras” do PP e demandar un cambio de modelo “e de réxime”. Foi este o conseguido obxectivo de millentas persoas que este sábado se desprazaron até a estación de Atocha, en Madrid, para marcharen en manifestación até Colón. 

Malia que o acto aínda non concluíra, os antidisturbios entraron en escena e comezaron a cargar. Desde o palco colocado en Colón instaron unha e outra vez a policía española a abandonar a praza "porque está a interferir nun acto totalmente legalizado", mais o son dos disparos de bólas de goma misturouse durante varios minutos coa música escollida para despedir as Marchas.

As cargas obrigaron a dar por concluída a acción reivindicativa por volta das 20.30h, antes do previsto, e todo isto malia que a propia policía dera permiso para o evento até as 21.30h, recalcando que só despois desa hora "estarán de maneira ilegal". 

Marchas desde a Galiza

Entre os distintos colectivos que decidiron apoiar a macha, tamén desde a Galiza, desde onde se desprazaron por volta de 1.000 persoas convocadas por partidos políticos coma AGE, colectivos sociais coma a Oficina de Dereitos Sociais de Coia ou sindicatos coma o SLG ou a CUT, os aplausos concentráronse de maneira especial nun deles: o d@s bombeir@s.

En declaracións feitas aos medios de comunicación, un deles, que viaxou desde Ourense, esixía que est@s profesionais deixasen de ser avisad@s para executaren despexos, como aconteceu na Coruña con Aurelia Rey, "porque ese non é o noso traballo". Acrecentou que "nós entramos na casa para axudar a quen hai dentro e non para o botar para fóra" e chamou a mudar "esta sociedade que está a perder os seus valores". 

Pan, traballo e teito, palabra de orde

A columna máis numerosa das que se achegou a Madrid foi a do Sur, onde se respondeu de maneira masiva á convocatoria das Marchas, feita en primeira instancia polo Sindicato Andaluz de Trabajadores, o SAT. O acto final desta multitudinaria acción reivindicativa chegou case tres horas despois de se iniciar a mobilización, que decorreu sob a palabra de orde Pan, traballo e teito.

Os acordes do Hino da Alegría serviron de base a unha composición realizada polo autodenominado 'Coro e Orquestra da Dignidade' a pé feito para esta acción en que se reclamou a fin dos desafiuzamentos, que os "gobernos da Troika" deixen de mandar sobre as persoas e que cesen os recortes nos servizos públicos. 

Comentarios